Galiciencia comeza cunha exposición récord de 64 proxectos
mércores, 19 de novembro do 2014
Finalmente
comeza hoxe a edición 2014 de Galiciencia,
un cita multitudinaria para fomentar o maxín creativo e investigador
das nosas rapazas e rapaces e que este ano achega a previsión de
acubillar máis de 2.000 persoas, entre hoxe mércores e venres 21 na
Tecnópole de Ourense. Asemade, a organización da feira (unha das
máis importantes feiras científicas de todo o Estado, recoñecida
pola FECYT como actividade referente da Semana da Ciencia en España)
conseguiu que nesta convocatoria (a novena xa) se batese o récord de
participación de proxectos: un total de 64.
Segundo
engaden os responsábeis de Galiciencia (Tecnópole-Parque
Tecnolóxico de Galicia), esta desenvolverase nunha carpa na que 44
equipos de Secundaria e FP amosarán ao público os seus proxectos
científicos e de innovación. Este ano, como novidade, a feira conta
cunha sección especial na que expoñerán 20 equipos de Primaria.
“Os equipos”, informa a Tecnópole, “recibirán a visita de
grupos escolares de toda Galicia, ás que se sumarán as persoas que
acudan pola súa conta, xa que a feira é de entrada libre para
particulares e familias, coa vantaxe engadida de que este ano se
amplía o horario da exposición de proxectos en dúas horas, de
maneira que ficará aberta de 10 a 13 horas pola mañá e de 15 a 18
horas pola tarde”.
Na
edición 2014 que comeza hoxe, a representación máis numerosa na
exposición de proxectos procede dos colexios de Ourense e Pereiro de
Aguiar, cun total de 27 equipos defendendo as súas investigacións e
inventos, entre os que se atopan os dos alumnos das Aulas Tecnópole
e do campamento tecnolóxico de verán da Tecnópole. A eles súmanse
15 de Vigo, 5 de Pontevedra, 4 de Cambre, 3 de Santiago de
Compostela, 2 de Ferrol, 2 de San Sadurniño, 1 de Ortigueira, 1 de
Teo e 4 de Barcelona.
Entre
outras moitas cousas, Galiciencia acollerá estes días actividades
de planetario e robótica Lego para os máis pequenos, e un obradoiro
de tecnoloxías punteiras para os maiores, xunto cunha charla sobre a
relación entre a ciencia e a música que poderá visualizarse en
liña desde calquera centro educativo de Galicia e para a que se
prevé un seguimento de arredor de 1.000 estudantes, “o que eleva o
público total da Galiciencia a máis de 3.000 persoas”, engade a
organización.
Durante
a clausura, ademais da entrega de premios aos mellores proxectos por
categorías, darase a coñecer tamén o gañador do concurso de
fotografía científica convocado no marco deste certame.