Handyhand obtén novo recoñecemento nos LPRO Days da Universidade de Vigo
luns, 2 de maio do 2016
- O equipo de Handyhand no evento organizado no Campus de Vigo
A Escola de Enxeñaría
de Telecomunicación serviu de escenario, o pasado venres, para a
segunda edición do LPRO Days, un evento no que se amosan as
investigacións feitas polos estudantes do último curso ao abeiro da
materia Laboratorio de proxectos, coordinada polo catedrático Carlos
Mosquera. Houbo presentacións e demostracións prácticas dos
proxectos desenvolvidas. En total participaron 106 alumnas e alumnos
tutelados por 20 docentes. O resultado dos seus traballos foi unha
vintena de proxectos. Por certo que algúns deles xa obtiveron
recoñecementos en certames como Hack4Good de Telefónica, por
exemplo Handyhand, que obtivo premio no concurso da dita operadora
e máis nos
LPRO Days da Universidade de Vigo. Handyhand, como lembraremos, é
unha aplicación de impresión en 3D dunha réplica protésica.
Por certo que entre os
19 traballos presentados había tamén outras propostas innovadoras
moi destacábeis, como Cyclope, un sistema alarma que tamén resultou
distinguida nos Hack4Good e que serve entre outras cousas para avisar
de colisións por alcance no caso de vehículos vulnerábeis como
bicicletas ou cadeiras rodas. O evento, “tras toda unha mañá de
presentacións” saldouse coa elección de tres propostas gañadores,
que nesta ocasión foron ALMS, HandyHand e NetAlt, que recibiron por
parte do Centro Tecnolóxico Gradiant unha achega económica para
continuar desenvolvendo o seu proxecto innovador.
Segundo informa a
Universidade de Vigo, a maioría das propostas do alumnado tiveron
como punto de encontro a calidade de vida, apostaron “por aplicar
as tecnoloxías e as telecomunicacións á vida diaria, a facilitar
tarefas e optimizar recursos”. Así, varios grupos centráronse no
eido da saúde e a seguridade, como Mycarebox (unha caixa de
emerxencias sanitarias que mellora a xestión dos medicamentos no
fogar), Satea (un sistema de asistencia a persoas con Trastornos do
Espectro Autista), Bloodstrapp (unha pulseira para facer seguimento
do pulso cardíaco), Handyhand (unha prótese robótica de man),
Bumper (un sistema para localización de fochancas) e Cyclope (un
detector de perigo de colisión por alcance para ciclistas).
Por
outra banda, o fogar e a enerxía constituíron outro dos ámbitos
“estrela”, con propostas como Nearfield, que mide a radiación de
circuítos electrónicos; Netalt, un dispositivos para medir a
calidade do subministro eléctrico; Selfsec, un sistema de
videovixilancia remota; Ecocity, un multisensor de baixo custe para o
seguimento da calidade do aire ou Cacho, sistema para o control de
acceso ás habitacións de hoteis.
Sinalar tamén que a
tecnoloxía móbil e a telefonía acapararon igualmente o interese do
alumando e presentaron varias iniciativas centradas neste eido, como
MasApp, un sistema dirixíbel para captar audio dende Android;
Smart4Old, unha interface gráfica para facilitar o uso do teléfono
móbil; BOB, que permite xestionar o móbil por voz dende calquera
lugar da casa e ALMS, un sistema de posicionamento en interiores con
móbil, que resultou o proxecto gañador.
Nos procesos produtivos
centráronse os impulsores de Androgest, unha aplicación para o
seguimento en tempo real do proceso intermedio de produción da
industria conserveira, mentres que outros dous equipos optaron pola
música, un con Hurdytech, un sistema para automatizar a
configuración de zanfonas, e outro como Simsau, que permite recrear
o son de salas de concerto. Finalmente, a comunicación foi o eido de
traballo para os estudantes que están detrás de DPD, unha
plataforma para a creación dun diario dixital.