Investigadores galegos optimizan con cómputo avanzado as operacións de válvula do corazón

martes, 23 de xullo do 2019 Fernando Sarasketa

O Congreso sobre Transferencia entre Matemáticas e Industria (CTMI 2019), que se está a desenvolver na Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago da man do ITMATI, chega hoxe ao ecuador das súas actividades (este mércores está previsto o seu remate). O evento, no que participan cen expertos de todo o mundo presentando os grandes avances das matemáticas e a computación avanzada para resolver todo tipo de retos cotiáns, está a poñer o foco en ámbitos concretos de aplicación, como por exemplo o eido cardiolóxico. Neste ámbito sitúase un proxecto galego que mellora con cálculo avanzado a planificación da substitución da válvula aórtica mediante transcatéter.
A investigación xorde dun traballo conxunto entre o Departamento de Matemática Aplicada da Universidade de Vigo e o Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (IISGS), cuxa finalidade é “contribuír á cardioloxía con técnicas avanzadas de simulación numérica”. Os traballos teñen a súa orixe nun problema de saúde concreto: o atoamento da válvula aórtica do corazón, que obstrúe o fluxo sanguíneo e, polo tanto, desencadea un sobre-esforzo do corazón para bombear sangue ao corpo, unha situación que carrexa todo tipo de problemas de saúde, mesmo a morte súpeta cardíaca. Este problema pode solucionarse mediante a substitución da válvula aórtica estreitada botando man de tecnoloxía transcatéter. Porén, é a complexidade esta operación require da máxima cantidade de datos para abordala con éxito, aí entra en xogo o devandito proxecto da UVigo e o IISGS.
Un dos investigadores que participa neste proxecto é Marcos Loureiro García, que explicou no congreso organizado estes días pola ITMATI que “a planificación desta intervención presenta varias dificultades como a propia selección do dispositivo óptimo para cada paciente e aquí a simulación numérica está chamada a xogar un papel cada vez máis importante”. Segundo engade, este tipo de traballos permite reconstruír en 3D do organismo do paciente mediante o procesamento de imaxes de tomografía computarizada. A través da simulación numérica simúlase a adecuación de diferentes válvulas para atopar a mellor, “posto que no mercado existen numerosas marcas de dispositivos, de diferentes tamaños e feituras”.
Matemáticas para o motor
No marco deste encontro presentouse tamén un proxecto desenvolvido por investigadores das Universidades de Santiago e A Coruña adscritos ao Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial, o ITMATI, coordinados polo profesor Alfredo Bermúdez de Castro, no que se aplicaron as matemáticas ao sector do motor. Un dos participantes neste proxecto é Andrés Prieto, que explicou que se trata dun contrato cunha empresa multinacional dedicada á fabricación de materiais porosos que van dentro das portas dos automóbiles para mellorar as propiedades térmicas e acústicas no interior dos automóbiles.
O traballo do equipo consistiu en calcular o coeficiente de absorción destes materiais desde o punto de vista acústico: “Cando hai moito ruído procedente do exterior ou mesmo do motor do coche, eses parches porosos fan que o ambiente no interior do habitáculo sexa máis confortábel”.
CTMI 2019: retos e obxectivos
A finalidade concreta deste encontro internacional é a promoción e difusión de ferramentas matemáticas xunto ás súas aplicacións industriais. No transcurso do mesmo presentaranse novas liñas de investigación orientadas ás necesidades da industria e da sociedade en xeral, e daranse a coñecer algunhas experiencias singulares de transferencia de resultados á industria. Tamén se porá foco en mostrar como a colaboración entre o mundo académico e a industria permitiu abrir novas liñas de investigación no eido das matemáticas e a súa reflexión en publicacións de impacto internacional.
No marco deste encontro terá lugar unha actividade paralela de divulgación da tecnoloxía matemática á sociedade en xeral. Será este martes 23 no Auditorio Abanca de Santiago (rúa Preguntoiro), de 20:00 a 21:00 horas. Antonio Pita Lozano, responsábel global de analítica e consultoría en LUCA, Unidade de Datos de Telefónica, ofrecerá a conferencia Datos e matemáticas. Os propulsores das compañías data driven. Versará sobre o valor da información para as empresas: un activo estratéxico para a transformación dixital. Durante a súa intervención fará un percorrido sobre o reto de sacar rendemento aos datos mediante modelos matemáticos de Intelixencia Artificial e estatística co obxectivo de aumentar os ingresos empresariais, reducir os custos e mitigar os riscos para mellorar a xestión empresarial.
Congreso bianual
A deste mes de xullo en Santiago é a primeira edición deste congreso de transferencia matemática en España, promovido pola Rede Española Matemática-Industria (math-in) e que prevé ter edicións bianuais. O CTMI 2019 é un evento satélite de ICIAM 2019 (International Congress on Industrial and Applied Mathematics), un congreso que se celebra cada catro anos. A anterior edición foi en Pequín e a vindeira terá lugar en Xapón. Este ano celebrarase en Valencia a semana previa ao CTMI 2019 de Santiago -do 15 ao 19 de xullo- e está previsto que asistan máis de 4.000 congresistas.


PUBLICIDADE