LEGO prepara un xogo con figuras coleccionables

xoves, 9 de abril do 2015 Marcus Fernández

Nos últimos anos é innegable o éxito no mundo dos videoxogos de títulos que viñan acompañados por figuras físicas, de xeito que tras o fenómeno de Skylanders conseguiron repetir a fórmula de éxito os Disney Infinity e os amiibo de Nintendo, polo que non debería sorprendernos que agora sexa LEGO quen quere unha parte da torna, de xeito que a compañía xogueteira xuntou forzas unha vez máis con Warner Bros. Interactive Entertainment e Traveller’s Tales (compañías detrás dos actuais videoxogos baseados en LEGO) e anuncian o seu novo produto: LEGO Dimensions.

O xogo contará con numerosos packs de expansión

Este novo videoxogo verá a luz a finais de setembro con versións para Xbox 360, Xbox One, PS3, PS4 e Wii U, e chegará en lotes de iniciación co xogo, o Toy Pad e 3 mini-figuras especiais (Gandalf, Batman, Supercool e o Batmóbil da LEGO Película), vendéndose tamén distintos lotes de figuras temáticas de LEGO con temáticas coma os filmes de Regreso ao Futuro e O Señor dos Aneis, os superheroes de DC ou incluso coleccións de LEGO. As figuras que atesore o usuario poderán colocarse no Toy Pad (até 7 a un tempo) para poder introducirse no xogo e, como acontece co resto de franquías baseadas en figuras físicas, irán aparecendo novos lotes de figuras cada certo tempo, atendendo así á ansia coleccionista que é de prever nos seus xogadores.
Este cruce de universos de LEGO, no que mestúranse numerosas marcas na liña do que puidemos ver na LEGO Película, será a esencia do xogo, que permitirá o seu goce independente ou en modo cooperativo, na liña do resto de videoxogos de LEGO.

O xogo mesturará os distintos universos de ficción abordados polas figuras de LEGO nos últimos anos


Vídeo de presentación de LEGO Dimensions

PUBLICIDADE