Microsoft e Electronic Arts anticípanse ao Black Friday con numerosos xogos rebaixados

mércores, 26 de novembro do 2014 Marcus Fernández

A proximidade do Black Friday está a levar a moitas compañías a realizar rebaixas de xeito anticipado, incluíndo as que venden bens virtuais, como os videoxogos en formato descargable, e estes días son moitos os títulos que podemos conseguir con importantes descontos en tendas como o Bazar das consolas Xbox ou a plataforma de xogos descargables de Electronic Arts para PC.
Como exemplo de Xbox One podemos atopar xogos como Rayman Legends ou Valiant Hearts: The Great War a metade de prezo, ou títulos como EA Sports UFC cun 67% de desconto, chegando até unha redución de prezo do 75% no caso de Angry Birds Star Wars.
No caso da Xbox 360 aínda son máis os xogos ofertados, con xogos como L.A. Noire ou Red Dead Redemption cun 75% de desconto, ou sexa, por menos de 10 euros, mentres que xogos como Bulletstorm e Kingdoms of Amalur: Reckoning ofértanse cun 85% de desconto, polo que poden adquirirse por 2,99 e 4,49 euros respectivamente, uns prezos moi atractivos para quen queira facerse con xogos que hai uns anos estaba considerados grandes lanzamentos.
No caso dos xogos para PC de Electronic Arts, a través de Origin podemos atopar numerosas ofertas, como Titanfall a só 19,97 euros (o que supón un 75% de desconto), Need for Speed Rivals e Battlefield 4 por 9,97 euros, Watch Dogs por 35,99 euros, Far Cry 3 e Assassin’s Creed III por 4,99 euros, The Saboteur por 1,23 euros, e moitos outros videoxogos entre os que non faltan numerosas entregas de Los Sims.

PUBLICIDADE