NLPgo recibirá o Premio Iniciativa Emprendedora do CPEIG

venres, 13 de maio do 2016 Redacción

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) vén de fallar o seu Premio Iniciativa Emprendedora, do que resultou gañadora a empresa NLPg, e que entregarase o vindeiro 3 de xuño no marco da Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, durante a cal se celebrarán os premios anuais do CPEIG.
NLPgo, con sede en Bertamiráns (Ames) nace en 2015 coa vocación de ser o apoio informático necesario para calquera lingüista ou grupo de lingüistas que non dispoñan do soporte informático suficiente para levar a cabo os seus proxectos lingüísticos.
Dentro do seus servizos, destaca a lingüística computacional, a través do desenvolvemento ou adaptación de aplicacións para crear, consultar, revisar ou etiquetar diferentes tipos de recursos lingüísticos: corpus, bases de datos terminolóxicas, dicionarios e bancos de árbores. O equipo de NLPgo tamén implanta toda a infraestrutura necesaria para levar a cabo os proxectos lingüísticos: servidores, almacenamento compartido, web, correo electrónico, dominios e copias de seguridade.
O coordinador da empresa é Mario Barcala, doutor en computación e quen, despois de formarse en lingüística computacional e de investigar e traballar con lingüistas a diario durante máis dunha década, decidiu sumar os esforzos de varios expertos a través deste proxecto empresarial para ofrecerlles solucións profesionais aos seus clientes.

PUBLICIDADE