Netflix supera os 20 millóns de subscriptores
xoves, 27 de xaneiro do 2011
No debate
suscitado na Rede sobre a chamada Lei
Sinde non son poucos os que comentaban que en vez de aprobar prohibicións,
resultaba máis axeitado potenciar alternativas legais ás descargas, como está a
ser Spotify para a música e que coas series de televisión e o cine podería ser Netflix
(con tarifas de 7,99 dólares/mes para un acceso ilimitado mediante streaming aos seus contidos nos EE.UU. e
en Canadá). Segundo parece, o atractivo desta oferta audiovisual resulta innegable,
e agora ratifícano os resultados de Netflix do último trimestre de 2010 (descargables
en formato PDF), nos que a compañía chegou aos 20,01 millóns de
subscritores (7,7 adquiridos no último ano, e 3,08 no último trimestre), uns
ingresos de 596 millóns de dólares e uns beneficios por acción de 0,87 dólares.
En vista do éxito de Netflix en Norteamérica non sorprende que a compañía
pretenda desembarcar en Europa en 2011, aínda que certos rumores apuntan a que
España podería quedar fóra desta interesante iniciativa porque os dereitos de autor custarían
aquí 2 ou 3 veces máis que nos países do contorno (segundo comentan na páxina
web da Asociación de Internautas).
Cómpre destacar que o éxito de Netflix non está só no seu prezo e o seu inmenso
catálogo de contidos, senón tamén na súa aposta multiplataforma, xa que os seus
subscritores poden acceder ao servizo de vídeo mediante streaming dende o ordenador, en distintos dispositivos móbiles
(coma o iPhone, o iPad e os terminais con Windows Phone 7), televisores con
acceso a Internet de distintos fabricantes, reprodutores de Blu-ray conectados e incluso dende calquera das
3 consolas de videoxogos actuais, polo que resulta moi doado consumir os seus
contidos no salón ou en mobilidade. Tamén están a traballar en integrar Netflix
con Facebook e, posiblemente, facer compatible o servizo co Apple TV.
Pero este servizo non está ausente de problemas, pois as
operadoras de telecomunicacións parecen querer recibir parte do pastel de
Netflix, o que serve de exemplo da necesidade de que os organismos
reguladores protexan a neutralidade de rede, para evitar que negocios lexítimos
e interesantes non teñan atrancos para chegar ao seu público.