Nintendo anuncia que a NX chegará ao mercado en marzo de 2017

mércores, 27 de abril do 2016 Marcus Fernández

O novo The Legend of Zelda chegará simultaneamente a Wii U e NX

Nintendo presentou hoxe os resultados do ano fiscal que remata o 31 de marzo, aproveitando a ocasión para realizar un comunicado sobre a súa vindeira consola de videoxogos, que leva por nome clave NX, da que limitáronse a anunciar que o seu lanzamento está previsto para o mes de marzo de 2017, engadindo que non se presentará durante a vindeira edición da feira E3 (no mes de xuño), polo que posiblemente haberá que agardar até a celebración do Tokyo Game Show para coñecer en profundidade a consola da que cada día circulan máis rumores.
Precisamente o lanzamento da NX vai ter unha consecuencia desafortunada como é o adiamento do novo xogo de The Legend of Zelda, que non sairá á venda até 2017 para poder simultanear os lanzamentos de Wii U e NX deste título inicialmente só previsto para Wii U. Neste caso si afondarán neste novo título durante a vindeira edición da feira E3 (que poderá xogarse por primeira vez na súa versión para Wii U).
Outro importante anuncio de Nintendo é que, tras incidir no grande éxito que está a ter a súa aplicación social Miitomo, deron conta de que están a preparar aplicacións móbiles baseadas nas franquías Fire Emblem e Animal Crossing. Con Fire Emblem buscan levar a serie de rol e estratexia a un público máis amplo sen descoidar a súa calidade, mentres que con Animal Crossing optarán por conectar a aplicación co mundo do xogo para consolas, co que confían en multiplicar a diversión.
Como curiosidade podemos comentar que no informe fiscal de Nintendo inclúese o calendario de lanzamentos de Nintendo para os vindeiros meses, que en Europa quedaría cos seguintes lanzamentos para Wii U: Tokyo Mirage Sessions #FE (24 de xuño), Mario & Sonic en los Juegos Olímpicos de Río 2016 (24 de xuño), Paper Mario Color Splash (2016) e The Legend of Zelda (2017). No caso da Nintendo 3DS os vindeiros lanzamentos serían Yo-Kai Watch (29 de abril), Fire Emblem: Birthright e Conquest (20 de maio), Kirby: Planet Robobot (10 de xuño), Disney Art Academy (15 de xullo), Metroid Prime: Federation Force (2 de setembro), Dragon Quest VII: Fragments of the Forgotten Past (2016), Dragon Quest VIII: Journey of the Cursed King (2016), Rhythm Paradise Megamix (2016) e Pokémon Sol e Luna (finais de 2016).

PUBLICIDADE