Nova campaña a prol da ciencia en galego a través da publicación de 4.000 ecoguías

venres, 15 de outubro do 2010 Fernando Sarasketa

A tecnoloxía e a ciencia non son peores nin mellores en galego, pero á nosa lingua si que lle acae ben ser útil en actividades de vangarda investigadora. Por dicilo dun xeito que se entenda: se facemos ciencia en galego, pode que non academos nada salientable dende o punto de vista científico (ou pode que si), pero si que lograremos algo, con toda probabilidade, dende o punto de vista cultural, social e lingüístico. Así o entenden os responsables da iniciativa de promoción da que falamos onte (unha colleita de léxico tecnolóxico en galego prevista para o vindeiro 4 de novembro) e nisto andan tamén a Universidade de Vigo e a Coordinadora de Equipos de Normalización, que veñen de anunciar a distribución de máis de 4.000 ecoguías con textos de escritores galegos en defensa do galego e das especies que, coma a lingua, están en perigo de extinción.
Esta iniciativa, chamada O galego o noso medio natural, constitúe un preludio das accións que se levarán a cabo o dito 4 de novembro, con motivo do Día Mundial da Ciencia en Galego.
Máis polo miúdo, trátase dunha convocatoria dirixida dende o ensino a toda a sociedade para defender a idoneidade do emprego do idioma nas áreas tecnolóxicas e científicas. Esta celebración-mobilización, da que tamén forma parte a colleita de léxico da que falamos onte nesta web, van encamiñadas a trasladarlle á cidadanía o “orgullo de expresar estas materias en galego e de divulgar as experiencias científicas pensadas e desenvolvidas en lingua galega”.
Volvendo á publicación das ecoguías, dicir que se trata de pór un novo gran de area para impedir que a nosa lingua corra a mesma sorte que as 25 linguas que esmorecen cada ano no planeta. Neste caso concreto, a idea dos organizadores da iniciativa baséase na necesidade de incluír a nosa lingua nas actividades humanas que levan o país cara á modernidade, co fin de que acadar que o idioma siga a ser útil mesmo onde non conta co aval da tradición e dos séculos de uso.
As ecoguías inclúen textos de escritores galegos como Uxío Novoneyra, dirixidos a facer reflexionar sobre a importancia da recuperación das especies e do idioma. Repartiranse máis de 4.000 cadernos nos campus e nos centros de ensinanza non universitaria públicos e concertados de Galicia. Pero ademais, para potenciar este ecolingüismo, tamén se distribuirán máis de 5.000 adhesivos e outras tantas chapas, camisolas ou petates nos que se fai visible o lema da campaña.

PUBLICIDADE