O CETA-CIEMAT achega supercomputación para recrear unha viaxe virtual aos exoplanetas

mércores, 29 de xullo do 2015 Fernando Sarasketa

Nin non presente nin no futuro inmediato haberá sonda espacial algunha que nos poida amosar como é exactamente o que está alén do noso sistema solar. Para emendar esta eiva temporal, o Centro Estremeño de Tecnoloxías Avanzadas (CETA-CIEMAT), Eurocosmos e o Instituto de Astrofísica de Canarias (IAC) están a desenvolver un audiovisual en formato específico para a súa proxección en cúpulas, planetarios e salas especializadas. A película en cuestión, O Mundo Anel, tira partido do coñecemento atesourado estes últimos anos sobre o Espazo alén da nosa galaxia e bota man das máis avanzadas tecnoloxías para a recreación de escenarios virtuais, incluída unha boa dose de supercomputación. O filme xa ten web de seu, dende a que podemos reproducir xa o primeiro dos seus tráilers.
O proxecto O Mundo Anel, Viaxe a un Exoplaneta, financiado pola fundación FECYT, pretende en primeira instancia desenvolver material didáctico para divulgar a ciencia “de maneira diferente e eficaz”, de modo que os espectadores poidan facer unha viaxe virtual dende a Terra até chegar ao “espectacular sistema planetario Gliese-581, máis aló dos límites do noso sistema solar”, sinalan os impulsores da iniciativa, que engaden, para quen non o saiba, que os exoplanetas son estrelas distintas ao Sol situadas a unha distancia tal que esta impide até o de agora o achegamento de calquera envío de tecnoloxía de rastrexo e exploración. Para emendar este oco xorde precisamente o filme do que estamos a falar, que parte dos datos dos que dispoñen os investigadores para achegar aos espectadores “a sensación de estar sobrevoando un dos sistemas con exoplanetas máis interesantes”, segundo conta Miquel Serra-Ricart do IAC, un dos responsábeis do proxecto.
A película reproduce así unha viaxe virtual a un destes corpos celestes a partir de todos os datos de telescopios e satélites amoreados até o de agora e usando modelos computacionais, acompañado de explicacións sobre a fenomenoloxía e morfoloxía dos escenarios visitados. O filme, sinalan, ten como obxectivo espertar a curiosidade do público para amosar aspectos descoñecidos, extraordinarios e novos do sistema Solar exterior, así como sobre as condicións que deben darse para a existencia de auga líquida noutros planetas e, por tanto, para a posibilidade de vida. O audiovisual ten data prevista de estrea para o vindeiro mes de outubro, e estará dispoñíbel de balde para planetarios e salas de proxección de toda España e América Latina. Disporase de múltiples resolucións, adaptadas a pequenos e grandes sistemas de proxección. A locución poderá ir acompañada de subtítulos para persoas con discapacidade auditiva.
As primeiras secuencias desta proxección poden xa verse no tráiler pendurado na web www.elmundoanillo.com, que se configurou para que poida visualizarse correctamente desde calquera dispositivo. Esta web inclúe un formulario a través do cal planetarios, museos e outros centros interesados poden solicitar a distribución de calquera das montaxes desenvolvidas polo proxecto.
A produción do audiovisual en alta resolución está a ser posíbel grazas aos recursos de computación achegados polo CETA-CIEMAT, co-financiados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). O equipo do IAC, liderado por Miquel Serra-Ricart, achega o coñecemento das evidencias científicas sobre as que se asenta a interpretación visual dos eventos astronómicos descritos. Pola súa banda, Eurocosmos contribúe coa súa experiencia na difusión de películas en planetarios así como na súa adaptación a diferentes audiencias.

PUBLICIDADE