O CPEIG publica un libro que recolle a Historia da Informática en Galicia

martes, 5 de xullo do 2016 Marcus Fernández

A pasada tarde o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) presentou no auditorio 2 do Edificio CINC da Cidade da Cultura de Galicia o libro Historia da Informática en Galcia. Unha cronoloxía, volume compilado por Henrique Neira Pereira baixo a coordinación de Javier García Tobío (CESGA) e Fernando Suárez Lorenzo (CPEIG), que estiveron presentes neste acto acompañados polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, e a directora da AMTEGA, Mar Pereira.
O libro é unha cronoloxía que recolle nas súas máis de duascentas páxinas a historia da computación en Galicia, partindo de antecedentes moi afastados (como as probas dos coñecementos matemáticos no megalítico) e comezando a coller forma na segunda metade do século XIX, no que na nosa comunidade xa podemos ver rudimentarias máquinas de cálculo, aínda que non sería até mediados do século XX cando poderiamos falar de ordenadores en Galicia, salientando fitos que no ano 1963 a compostelá Ana María Prieto López, traballando para Bull General Electric en Madrid, tras facer un curso de COBOL converteuse na primeira muller programadora da empresa e a primeira galega en programar computadores.
Un intre da presentación do libro celebrada o pasado veránComo os primeiros computadores en Galicia cítase ao ordenador analóxico EAI TR-20, que comezou a empregarse na Universidade de Santiago de Compostela no curso 1962-1963; nos seguintes anos varias empresas e institucións contarían con computadores de seu e, en 1969 a USC incorporaría un IBM 1134 dixital.
Pero o libro presentado polo CPEIG non só recolle os primeiros pasos da informática moderna en Galicia, senón que tamén dá conta de momentos moi representativos, como o proxecto Telegal que a partires do ano 1979 buscaba implantar a Informática nas escolas, a posta en marcha do CESGA (e os seus distintos fitos evolutivos), a celebración de feiras tecnolóxicas na nosa comunidade, a modernización das redes de telecomunicación no noso territorio, a creación do dominio .gal, a participación da Universidade de Vigo na construción de varios picosatélites ou incluso a demostración do funcionamento nun coche autónomo de PSA-Citroën.

Moito por facer

No acto de presentación, Fernando Suárez, presidente do CPEIG, quixo salientar que tras o traballo de recompilación do novo libro, “quedan moitas tarefas importantes por facer: catalogar a inxente información recollida, implantar unha wiki na que se recollan os eventos que se vaian incorporando a Historia da Informática en Galicia, dispoñer dun museo da Informática galega...” e recoñece que é responsabilidade do CPEIG procurar levar a bo termo estas metas.

Momento de esperanza

Pola súa banda, o presidente da Xunta quixo reivindicar o “momento de esperanza” que atravesa o sector, reflectido en proxectos como o novo Centro de Excelencia en Intelixencia de Negocio que a multinacional Hewlett Packard Enterprise vai poñer en marcha na Cidade da Cultura.
Tamén reivindicou a importancia que tivo a introdución da Informática para facilitar a vida diaria de milleiros de empregados e usuarios dos servizos públicos, exemplificada en grandes avances como a Historia Clínica Electrónica, a receita electrónica ou dixitalización das sedes xudiciais, ás que nas vindeiras semanas se unirá Historia Social Única Electrónica. “8 de cada 10 trámites coa Xunta xa se poden iniciar a través da Rede”.

No Edificio CINC tiñan unha mostra de obxectos históricos da Informática en Galicia como vellas unidades de disco, segundo explicou o director do CESGA ao presidente da Xunta

PUBLICIDADE