O Concello de Rianxo aposta por Telegram para comunicarse coa cidadanía

venres, 20 de maio do 2016 Redacción

O Concello de Rianxo puxo en marcha este mes unha canle de comunicación coa cidadanía a través do servizo Telegram de mensaxería instantánea vía móbil. O obxectivo básico da iniciativa é tirar partido da canle para difundir información municipal. Mediante a subscrición, informou o Concello, os cidadáns recibirán as alertas da información (a información lanzada nas redes sociais) de xeito inmediato no seu dispositivo. O Goberno local tamén lembrou que as subscricións son invisíbeis para as demais persoas integradas na “comunidade” Telegram.
Como recordaremos, Telegram é unha aplicación multiplataforma de mensaxería instantánea que se pode empregar en varios dispositivos ao mesmo tempo. “A diferenza de outras aplicacións semellantes”, explican dende o Concello, “Telegram é de código aberto e funciona na nube”. Amais disto, sincronízase de maneira transparente entre todos os dispositivos aos que teñamos conectada a aplicación (móbil/es, web, programas de escritorio para Linux, Windows e Apple...). O Goberno local tamén salienta os recursos de Telegram en materia de privacidade e seguridade. Neste senso, engádese, “as principais prioridades son a garantía de confidencialidade das conversas, a gratuidade, e a protección ante publicidade e estudos baseados no perfil dos usuarios”.

PUBLICIDADE