O Consello da Cultura Galega dedica unha xornada a divulgar os fondos do seu arquivo sonoro

luns, 8 de abril do 2024 S. P.

O Arquivo Sonoro de Galicia (ASG), centro dependente do Consello da Cultura Galega (CCG), organiza este11 de abril (16:30 horas) a xornada O Arquivo Sonoro de Galicia: fondos inesgotables para aprehender a nosa cultura. Nela daranse a coñecer unha parte dos documentos sonoros que se atopan depositados no ASG, ao tempo que “se analizará a importancia que estes teñen para enriquecer o coñecemento sobre a cultura e identidade galegas”. A cita, que terá lugar de xeito presencial na sede do CCG, ten aberto o seu prazo de inscrición.
O Arquivo Sonoro de Galicia conta con máis de 50.000 rexistros, un número que segundo lembra o CCG “increméntase de xeito continuado debido ás doazóns de particulares e institucións”. Estes documentos sonoros, engade o Consello, “constitúen unha fonte relevante para coñecer a cultura e a lingua galegas, para afondar no patrimonio oral e musical propio, así como para estudar a historia, os movementos sociais e os fluxos migratorios”.
Dos elementos que compoñen o arquivo, o CCG salienta contidos como a colección de máis de 700 lousas, entre as que se atopan as primeiras gravacións de 1904 do coro Aires da Terra ou as producións sonoras impulsadas pola emigración radicada en Bos Aires e Cuba, que permiten achegarse aos inicios da historia fonográfica da música galega.
Co obxectivo principal de “divulgar unha parte destes rexistros”, a xornada reúne diferentes especialistas e integrantes da Comisión Técnica do ASG. Nela analizaranse algúns aspectos relevantes do fondo (tipos de soporte, repertorios, estilos, singularidades…) e exporase a importancia que, en termos xerais, teñen os documentos sonoros como fonte e ferramenta de investigación.
O programa
Abrirá a sesión María Jesús López, xefa do Servizo de Documentos Sonoros e Audiovisuais do Departamento de Música e Audiovisuais da Biblioteca Nacional de España, cun relatorio que leva por título O documento sonoro como fonte primaria de información. A continuación, Xaime Estévez, catedrático de música en educación secundaria e membro da Comisión Técnica do ASG, achegará as particularidades e os aspectos singulares dos fondos que compoñen o Arquivo Sonoro de Galicia. A sesión rematará coa intervención de Beatriz Cancela, musicóloga e membro da Comisión Técnica do ASG, quen se centrará en analizar especificamente a presenza das bandas de música e dos orfeóns nos fondos do xa citado arquivo. Presentarán aos relatores Cristina Pujales, coordinadora técnica do ASG; o director do arquivo, Alejo Amoedo, e Concha Losada, presidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego e integrante da Comisión Técnica do ASG, respectivamente.

PUBLICIDADE