O Culturgal máis tecnolóxico acubillou máis de 14.000 visitantes e 40 actividades

luns, 2 de decembro do 2013 Redacción

Finalmente desenvolveuse esta fin de semana o salón da cultura galega Culturgal e, logo da marea de xente que acudiu ao Pazo da Cultura de Pontevedra durante os tres días nos que se desenvolveu a feira (arredor de 15.000 persoas), unha das conclusións máis claras que se pode tirar do alí presentado e debullado polas empresas do sector é a seguinte: a crise e a falta de recursos institucionais están a xerar unha auténtica revolución nos formatos elixidos, nas metodoloxías de creación e nos xeitos de distribuír. Isto tradúcese nun proceso que nos toca de preto: o emprego cada vez máis amplo dos novos servizos, aparellos e aplicacións dixitais, tanto para crear como para buscar apoios como para chegar ao público. En definitiva, quedou claro no evento (que acubillou máis de corenta actividades) que a cultura galega está a subir un novo chanzo en materia de enxeño e capacidade de reinventarse a si mesma.
A idea básica é sorprender e afianzarse no futuro, e non só botando man do novo (a Rede e os trebellos e as súas cousas) senón tamén do antigo. Nisto baséanse por exemplo as xornadas Estruming Days, uns encontros que se desenvolveron en parte dentro do marco do Culturgal, achegando o seu espírito a unha importante serie de actividades, e de cuxos obxectivos xa falamos polo miúdo en Código Cero. A iniciativa, convocada por vez primeira este ano, tivo a súa orixe no labor xerado polo equipo organizador (Anias Xestión Sociocultural) destes eventos coa mancomunidade de montes do Salgueiral, en Pontevedra. A finalidade foi ver até onde se pode chegar mesturando TIC e rural galego, botando man da experiencia desta mancomunidade, que atopou interesantes analoxías entre o xeito ancestral de xestionar o monte galego e as novas formas de crear, compartir e divulgar coñecemento e tecnoloxía. En definitiva, todo un sopro de ar fresco para as nosas industriais culturais e para os métodos xerais de acceso ao coñecemento.
De novas canles e xeitos de informar tamén falaron os integrantes do medio dixital galego Disquecool, que argallou unha innovadora proposta de promoción en Culturgal, máis polo miúdo a través da iniciativa Off Culturgal. En detalle, tratouse de xuntar a nove profesionais para que amosasen as súas ideas e proxectos creativos: foron 9 participantes e 9 minutos cada intervención (6 de intervención e 3 de preguntas do público), co xornalista Luís Pardo como mestre de cerimonias.
Tamén apostou pola novidade nas formas a empresa galega Ganapán, que aproveitou a feira para darse a coñecer mediante o desenvolvemento de auditorías de comunicación instantáneas e gratuítas. Máis en detalle, o que fixeron os responsábeis desta empresa dende o seu stand foi guiar a artistas e empresas culturais no forxado da súa presenta na Rede, a través de citas rápidas ao estilo “dos encontros exprés das películas”. A iniciativa, contounos a empresa días antes do Culturgal, “presenta a tres expertos sentados á mesa cun temporizador, ofrecendo roldas de asesoramento aos interesados de cinco minutos por quenda”. A idea foi fornecer pautas a seguir para que os negocios, artistas e creadores atopen as vías correctas para darse a coñecer a través da mercadotecnia en liña a baixo custo.
Pola súa parte, segundo nos contan dende Sermos Galiza, a Fundación Novoneyra deu a coñecer a plataforma de crowdfunding literario en liña ithcrowfunding.org e a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización Lingüística amosou as importantes e interesantes funcionalidades (sobre todo de cara ao Nadal que se nos bota enriba) da súa Guía de agasallos en galego en liña. Tamén se deron a coñecer webseries no Espazo Cinema e, como avanzamos os días pasados, a revista Luzes, acabada de saír do prelo e con importantes ramificacións no eido dixital (terá versión para tablets, entre outras cousas). Igualmente, presentouse a televisión dixital Galiza Ano Cero, proxecto audiovisual independente que abrolla dunha comunidade aberta e participativa, e que se estreou oficialmente na Internet este verán pasado, logo dun proceso de recadación de apoios entre a comunidade redeira galega. En Culturgal lembráronse as características de seu: estamos ante unha canle galega de TV en liña, sen arela de lucro, independente e que se constrúe entre todas e todos, coma se dunha comunidade 2.0 libre se tratase, todas/os somos potencialmente espectadores, creadores e pequenos produtores.

PUBLICIDADE