O Goberno e a Deputación da Coruña examinaron o proxecto Coruña Estudio Inmersivo (CEI)

luns, 18 de marzo do 2024 S. P.

O pasado xoves, 14 de marzo, reuníanse a deputada de Industria e Emprego, Rosa Ana García, Francisco Javier García Vieira, director de Red Iris e Servizos Públicos Dixitais e María Rancaño, directora adxunta de Servizos Públicos para o seguimento do proxecto EDAGA, programa de axudas no eido da sociedade da información para a creación dun ecosistema dixital no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia e financiado con fondos do Plan de Recuperación Next Generation EU e fondos propios da Deputación.
E cal é o obxectivo deste programa de axudas? Pois facer máis doado o desenvolvemento de proxectos encamiñados a reforzar as infraestruturas do ecosistema dixital no sector audiovisual facilitando a creación, distribución e manexo da información e a tecnoloxía máis avanzada polas empresas do sector audiovisual, e apoiando a creación ou mellora de espazos para a innovación dotados con tecnoloxía avanzada que permitirán que as pemes do sector audiovisual poidan superar as súas barreiras dixitais e emprender os seus proxectos.
Grazas a este proxecto, a entidade provincial quere impulsar o sector audiovisual galego, pola súa achega á economía, á identidade cultural galega e á proxección de Galicia e España no exterior, dotando tecnicamente un estudio virtual de última xeración de 750 m², que o situará na vangarda internacional no dito ámbito, que permitirá potenciar o nivel competitivo das empresas do audiovisual galego e que servirá para atraer empresas e talento á comunidade.
O proxecto trata de impulsar a creación dunha infraestrutura e a dotación do equipamento dixital necesario para converter a Galicia e á provincia da Coruña nun polo audiovisual de referencia a nivel nacional.
No desenvolvemento deste proxecto, estase a contar coa tecnoloxía máis avanzada en produción audiovisual virtual, potenciando e mellorando a competividade das empresas galegas do sector.
A construción elevada sobre o terreo natural, medrando a súa altura cara a fachada sur, permite ventilar o forxado da andar baixo, reducir a humidade, a condensación e, ademais, xerar unha barreira contra o radon. Isto tamén posibilita crear un andar de soto na parte sur sen necesidade de escavar. Como eixo desta infraestrutura contase cun patio central que servirá como nexo de unión entre os dous bloques e arredor do que se disporán dous espazos en forma de L vinculados ao plató virtual, no que se disporán os diferentes usos.
Cómpre engadir que se atenderán a criterios de sustentabilidade, como exemplo: a fachada sur está protexida da radiación solar no verán, pero no inverno permite que esta radiación incida sobre as carpintarías axudando a temperar o interior.
Asemade, faise fincapé no uso de cubertas vexetais con sedum (plantas autóctonas que non precisan mantemento e recuperan a auga) coma estratexia de aproveitamento da ventilación natural, introducindo un sistema de almacenamento e reciclaxe da auga da chuvia. Outro punto importante é o emprego de paneis fotovoltaicos que permitan satisfacer até un 80% da demanda de electricidade dos edificios.
Rematadas as obras do edificio, procederase á instalación dos sistemas de pantallas LED, cunha pantalla semicircular de 28 metros de longo e resolución 4K e a súa correspondente pantalla de teito móbil de máis de 100 metros cadrados, coa que se crearán fondos envolventes e dinámicos, dotados de perspectiva e profundidade. Este sistema de pantallas irá emprazado nun gran escenario de 750 metros cadrados co que contará o novo edificio.
A combinación dos sistemas de escenografía virtual VR/AR/XR e pantallas LED cos que contará o plató virtual posibilitarán aos produtores de cinema e televisión a creación de contornas virtuais altamente detalladas e realistas que achegarán unha experiencia inmersiva ao espectador e que posibilitarán a creación de contido interactivo e de realidade aumentada de xeito que os actores poidan interactuar cos elementos virtuais en tempo real.
Subliñar que este proxecto suporá o posicionamento estratéxico de Galicia dentro do Plan España, Hub audiovisual de Europa, dotado con máis de 1.600 millóns de euros de orzamento até 2025, que vai destinado a transformar o ecosistema audiovisual do país, impulsar a súa Internacionalización e competencia nos mercados internacionais.

PUBLICIDADE