O Goberno quere levar a banda larga a todos os núcleos rurais de Ourense

luns, 18 de marzo do 2024 S. P.

Na mañá do mércores 13 de marzo o subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, acudía ao Concello de Vilamartín de Valdeorras para atoparse co alcalde, Enrique Álvarez, e a veciñanza de Baxeles para estudar os proxectos estatais neste municipio, amosar colaboración interinstitucional e escoitar as peticións do alcalde e da Corporación municipal do Concello. Asemade, anunciou que Ourense é a terceira provincia con menor número de permisos pendentes en España referentes ao Plan ÚNICO onde o prazo de resolución é inferior a 120 días. Isto, apuntou, “reflicte a continua axuda e colaboración entre a Subdelegación do Goberno de Ourense e o xefe provincial de Inspección de Telecomunicacións de Ourense, Enrique San Martín”.
Subliñar que este programa é fundamental para pechar a fenda dixital xeográfica e afrontar o desafío demográfico de construír unha sociedade máis inclusiva. No caso da provincia de Ourense é “de especial relevancia por mor do grande número de zonas rurais que ao longo dos anos se viron afectadas pola continua migración cara aos centros urbanos”, sinalaron, engadindo Emilio González que “dende o punto de vista territorial a provincia de Ourense está moi dispersa en canto a núcleos de poboación e estamos a facer un esforzo importante para solucionar os problemas. O obxectivo do Goberno é que o medio rural teña a mesma comunicación e que poida ter zonas máis poboadas. Por iso, no reto demográfico estamos a tentar dalgunha maneira romper esa fenda dixital e comunicacional e iso é o que faremos aquí para impulsar unha solución axeitada para os nosos veciños e veciñas canto antes”.
Acadar unha cobertura de banda larga de 100 Mbps para o 100% da poboación en 2025 é un dos obxectivos no ámbito da conectividade dixital, o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia e a Axenda España Dixital. “Hai un obxectivo de chegar a todos os núcleos rurais de España e da provincia”.
O subdelegado do Goberno e o xefe provincial da Inspección de Telecomunicacións de Ourense, Enrique San Martín, informaron aos veciños de Baxeles do Plan Único de Demanda Rural como medida alternativa que concede o Goberno a casos particulares como este de especial dificultade e o compromiso do goberno de instalar Fibra Óptica antes de finais de 2024.
No encontro do pasado mércores aproveitouse tamén para falar doutros aspectos da localidade de Baxeles como as obras de rehabilitación e mellora da eficiencia enerxética (a través do programa DUS5000, financiado cos fondos do Plan de Recuperación) deseñado para que os municipios máis pequenos poidan afrontar melloras para a veciñanza e que doutro xeito non estarían en condicións de executar.

PUBLICIDADE