O IES García Barbón de Verín premia os seus mellores blogs

venres, 3 de xuño do 2011 Fernando Sarasketa

O IES García Barbón de Verín organizou, a través do seu Departamento de Orientación e do profesorado TIC, a cuarta edición do Premio de Blogs Escolares Barbón Blog. O certame trata de recoñecer e salientar o importante traballo despregado ao longo destes meses previos polas alumnas e alumnos da escola en materia de comunicación en liña, nos que puxeron en práctica a súa propia experiencia cun blog, entre outras actividades de aprendizaxe TIC. Este labor rematou este mes de xuño cunha sesión de entrega de Premios na que se valoraron as iniciativas de meirande calado e orixinalidade.
Segundo comentan os responsables do concurso, o procedemento de avaliación guíase por distintos criterios que os mozos e mozas aplican para obter un resultado final cuantitativo que permite identificar os mellores blogs. Froito da análise realizada por cada un dos estudantes, xorde a lista de gañadores que presentamos a continuación.
· Primeiro premio (incluíndo unha cámara dixital de agasallo) para a bitácora de María Prieto Blanco.
· Segundo premio (incluíndo un MP5) para o caderno de Rebeca Diz Queija.
· Terceiro premio (incluíndo un MP5) para Iván Rodríguez Álvarez.
· Cuarto premio (incluíndo un MP4) para Alejandro Bolaño Cabido.
· Quinto premio (incluíndo unha memoria USB) para Javier Villalobos Santamarina.
· Sexto premio (incluíndo unha memoria USB) para Sara Fernández Diéguez.
Detrás desta iniciativa de formación e divulgación TIC atópanse os profesores Daniel Veiga Martínez (orientador e profesor de novas tecnoloxías) e máis Manuel López Méndez (profesor de novas tecnoloxías da información).

PUBLICIDADE