O ITG emprega a rede de sensores sen fíos para o control de varios viñedos galegos

luns, 4 de febreiro do 2013 Redacción

O Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) vén de rematar coa posta a punto da instalación da tecnoloxía WSN (Wireless Sensor Network) nos viñedos de cinco senlleiras bodegas galegas: Adegas Moure, Rectoral de Amandi, Martín Códax, Valmiñor e Grupo Vinícola Marqués de Vargas S.L. (Pazo San Mauro). A dita instalación pretende monitorizar 36.000 variables diarias cos 163 sensores instalados que levarán a cabo lecturas cada 15 minutos tomando parámetros chave da vide en cuestión. Emporiso, os técnicos do ITG instalaron nove redes de sensores sen fíos nos devanditos viñedos de cara a obter unha monitorización polo miúdo das cepas a través da solución SensITG, que permite visualizar e xestionar -vía web e en tempo real- múltiples parámetros ambientais, do chan e da planta.
As nove parcelas onde se atopan xa os puntos de medida, comunícanse entre si sen fíos e cun único custo de comunicacións en cada rede, personalizada ás necesidades de cadansúa adega. Logo de finalizar coa instalación, o Grupo de Viticultura da Misión Biolóxica de Galicia-CSIC procesará e interpretará os datos recolleitos e, xunto cos datos obtidos no estudo das enfermidades, elaborará un modelo de aviso de enfermidades, adaptado ás distintas zonas de Galicia e ás condicións particulares dos viñedos.
E que beneficios ten esta tecnoloxía? Pois son varios: o baixo custo de instalación e consumo das redes de sensores sen fíos, a rapidez da súa posta en marcha e o seu mínimo impacto. Deste xeito, esta achega convértese nunha boa ferramenta de soporte para a toma de decisións relativas á predición e control de enfermidades; redución do uso de agroquímicos; caracterización do clima e predición da colleita, menor custo en aplicacións de rega, etc. Asemade, cómpre subliñar varios aspectos como a mobilidade deste tipo de redes, a súa escalabilidade, o seu mantemento lowcost e personalización (avisos vía e-mail/SMS cando se acadan as condicións pre-configuradas polo usuario). Os xestores do cultivo acceden a unha web proporcionada por ITG, sen instalar ningún software e accesible desde calquera dispositivo con acceso a internet (móbil, tablet, PDA...), que permite ao usuario visualizar e xestionar información gráfica en tempo real para o control preventivo e a acción inmediata.
Por último, informar que esta aposta enmárcanse na iniciativa INNTER GALENO 2012, dentro do programa Feder Innterconecta Galicia 2011 promovido polo Ministerio de Ciencia e Innovación a través do CDTI.

PUBLICIDADE