O Internet Archive permítenos xogar de balde a 2.310 xogos para MS-DOS

mércores, 7 de xaneiro do 2015 Marcus Fernández

O primeiro Prince of Persia é un dos xogos rescatados en Archive.org

O Internet Archive continúa a ampliar a súa oferta de videoxogos accesibles directamente a través da web como un xeito de conservación de numerosos títulos clásicos que actualmente non resultan doados de executar en equipos modernos, xa que precisan de emular sistemas operativo vellos para o seu uso. Así temos que grazas ao desenvolvemento dunha versión de DOSBOX (emulador de MS-DOS) capaz de funcionar nun navegador web, podemos gozar dunha selección de 2.310 videoxogos de ordenadores persoais, para o seu goce totalmente de balde e sen precisar de instalacións de ningún tipo.

A primeira aventura de Larry Laffer, na que había que combinar o uso dos cursores coa introdución de ordes de texto, pode xogarse agora dende o noso navegador web

Este tipo de iniciativas permiten a conservación de software para a posteridade, o descubrimento de vellos xogos por parte da xente moza e tamén lembrar xogos dos que gozamos hai bastantes anos, aínda que a experiencia de uso de cada xogo é bastante desigual, xa que nalgúns casos a emulación de MS-DOS non é dabondo para facer que o xogo corra á súa velocidade orixinal (facendo que algún título sexa totalmente inxogable).
Entre os xogos que podemos atopar están dende o primeiro Leisure Suite Larry: Land of the Lounge Lizards até o icónico Prince of Persia, pasando por xogos como Prehistorik 2, o cinematográfico Indiana Jones and The Last Crusade, o primeiro SimCity, o Metal Gear para PC ou incluso o célebre Wolfenstein 3D (precursor dos actuais xogos de acción en primeira persoa). Sen dúbida unha excelente oportunidade para repasar videoxogos de distintas épocas que tiñan como denominador común funcionar en ordenadores persoais baixo MS-DOS.

Prehistorik 2 é un dos xogos que podemos gozar dende o navegador web grazas ao Internet Archive

PUBLICIDADE