O Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020 achegará as TIC aos galegos

xoves, 21 de abril do 2016 Redacción

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, avanzou hoxe que a aprobación, por parte do Consello, do Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020, dotado con 7 millóns de euros, que impulsará medias en tres eixos: no ámbito da alfabetización dixital, da capacitación dixital e da innovación social e participativa. Hai dous parámetros que ofrecen unha boa visión de conxunto sobre os avances no acceso universal ás tecnoloxías: a porcentaxe de galegos que non empregan nunca internet, que pasou dun 42% en 2010 a un 25,4% en 2016; e a porcentaxe de galegos que emprega Internet habitualmente, que pasou dun 48% a un 67%. O acordo aprobado hoxe pretende seguir mellorando estas cifras de acceso e seguir potenciando todas as posibilidades que ofrecen a Galicia as TIC.

As medidas do Plan de Inclusión Dixital

No eido da alfabetización dixital, o plan busca dotar a cidadanía de coñecementos dixitais básicos. Nesta liña vanse realizar, entre outras accións, xornadas sobre os riscos e o uso responsable de Internet; sesións demostradoras para achegar o uso de dispositivos móbiles aos maiores; xornadas intexeneracionais entre persoas maiores e novas; así como o reforzo e confianza da rede a través de sesións informativas a rapaces e rapazas.
No ámbito da capacitación dixital, o obxectivo do plan será apoiar a madurez dixital daqueles cidadáns que xa tiveron contacto coas TIC. Así, impartirase un programa formativo avanzado sobre usos cotiáns de Internet: banca electrónica, compra online, trámites coa Administración... E tamén se levarán a cabo accións formativas para a obtención da certificación galega en competencias dixitais en ofimática, e a súa adaptación ás persoas con discapacidade.
Do mesmo xeito, contémplase o deseño e impartición de itinerarios formativos centrados na busca de emprego, elaboración do currículo, etc, así como a realización de xornadas temáticas sobre as oportunidades de emprego que ofrece o sector TIC e demanda de novos perfís e profesións da era dixital.
No que atinxe ao terceiro eixo, o da innovación social dixital e participativa, promoverase o potencial das TIC como motor da mellora da sociedade. Para avanzar neste sentido: fomentarase a adquisición das habilidades necesarias para participar activamente nos procesos de innovación social dixital e elaborarase un mapa de innovación social dixital co fin de dar a coñecer as iniciativas de innovación social baseadas nas TIC.
Para achegar as TIC aos galegos tecerase unha rede de alianzas dixitais coas entidades locais e a FEGAMP, os colexios profesionais, as universidades, empresas, entidades do terceiro sector e os voluntarios dixitais para impulsar estas medidas.

PUBLICIDADE