O SERGAS tira proveito da tecnoloxía de Balidea para recoñecer de contado síntomas de ictus

venres, 28 de outubro do 2016 Redacción

Balidea desenvolveu a plataforma de comunicación en tempo real do Servizo Galego de Saúde (SERGAS), tecnoloxía que constitúe un dos piares fundamentais do Plan Ictus de asistencia a distancia impulsado, precisamente, pola Consellería de Sanidade. A plataforma en cuestión chámase CETIR e, entre outras cousas, permítelles aos facultativos de urxencias (estean onde estean) contactar co Centro de Atención ao Ictus (Plan Ictus). A principal vantaxe disto é que lles vai posibilitar aos médicos de urxencias unha comunicación inmediata con especialistas en neuroloxía, dispoñíbeis as 24 horas do día os 365 días do ano.
Segundo indica Balidea, a través de videoconferencia os neurólogos do Centro de Atención ao Ictus poden examinar á persoa mediante unha cámara web de alta resolución, interrogala e interactuar co persoal facultativo presente. Logo desta avaliación, decídese se debe ser trasladada a un dos tres hospitais con unidade de ictus: o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, o Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo e o Complexo Hospitalario Universitario A Coruña. “O obxectivo final”, sinala a empresa galega con sede en Compostela, “é adecuar o procedemento terapéutico ás necesidades específicas asistenciais de cada paciente, coordinando a actuación entre os distintos profesionais no menor tempo posíbel”.
Balidea tamén lembra que a través do Plan Ictus do SERGAS especifícase claramente cales son os principais síntomas da devandita doenza: problemas na fala, imposibilidade de erguer os brazos á mesma altura durante dez segundos e incapacidade para sorrir amosando todos os dentes. Segundo explica a compañía TIC, estes tres síntomas de estarmos sufrindo un ictus moi doados de identificar nun recoñecemento visual a través de videoconferencia, “polo que o noso sistema de comunicación en tempo real resulta de gran utilidade para contactar cos neurólogos de garda e axilizar o tempo de atención”.

PUBLICIDADE