O escritor Xosé Neira Vilas pecha este mércores o curso da Rede de Escolas na Nube

martes, 18 de xuño do 2013 Fernando Sarasketa

De tódolos importantes proxectos tecnolóxico-educativos que se están a desenvolver na nosa terra, coa arela de empregar ben a fondo as novas ferramentas no ensino, sen dúbida a Rede de Escolas na Nube é un dos máis interesantes. E non só por vir de quen vén (a empresa Balidea e máis o Centro de Supercomputación de Galicia, CESGA, dous experimentados corredores da longa e frutífera carreira colectiva cara a Rede intelixente, rendíbel, sustentábel e igualitaria), senón polo que ten de pulo ao noso rural, poñendo na vangarda en educación dixital (na nube) a escolas afastadas dos privilexiados eixes tecnolóxicos das cidades. Pois ben, tanto Balidea como o CESGA queren dar a coñecer os seus froitos e, case con toda probabilidade, estender a experiencia a outros centros do noso rural e de máis alá. Para ir abrindo boca, presentarán o proxecto este mércores na escola unitaria de San Fins, pertencente ao CRA Boqueixón-Vedra, no marco dun acto de fin de curso que contará coa participación do escritor galego Xosé Neira Vilas.
Asemade, está previsto que fagan acto de presenza o director xeral de Educación e Innovación Educativa (Manuel Corredoira), o director de Área de Solucións Tecnolóxicas Sectoriais (Carlos Vázquez) e o xerente de Balidea (Carlos Segade). A actividade, máis polo miúdo, consistirá nunha multiconferencia entre varias das escolas rurais que participan nesta iniciativa de computación na nube, coordinada polo Centro de Supercomputación de Galicia. O académico da RAG e recoñecido autor de numerosas obras vencelladas ao mundo rural galego (Memorias dun neno labrego, Cartas a Lelo) participará dende a escola unitaria de S. Fins de Sales, pertencente ao CRA de Boqueixón-Vedra.
As outras escolas participantes mediante videoconferencia conxunta co escritor son o CRA Amencer, de Ribadavia (Ourense), o CRA Nosa Señora do Faro, de Ponteceso (Coruña) e o CRA de Vilaboa (Pontevedra).
Lembrar que o pasado 23 de maio as 23 escolas rurais do proxecto, (que teñen nenos/as entre os 3 e os 7 anos) participaron nunha multiconferencia conxunta para celebrar o Día das Letras Galegas, que, en palabras do CESGA e Balidea, “avalou a viabilidade da solución técnica (de deseño de infraestrutura e de optimización da solución software para axustarse á limitada conexión de Internet das escolas rurais), así como a sinxeleza da mesma ao ser utilizada sen dificultade polas/os mestras/es dos centros participantes”.
O proxecto Rede de Escolas na Nube (un modelo de traballo en mancomún entre as escolas tirando proveito da filosofía cloud, mediante o cal se incrementan non só os servizos dispoñíbeis, senón tamén as posibilidades de colaboración e de fluxo de experiencias) é unha iniciativa conxunta do CESGA e a empresa BALIDEA Consulting & Programming, en colaboración coa Xunta de Galicia (Consellería de Educación e AMTEGA). Este proxecto de innovación educativa, recordan os seus responsábeis, recibiu xa un bo número de recoñecementos, entre outros o de Educared. O seu obxectivo principal é “o desenvolvemento e validación dunha solución tecnolóxica de alta calidade e baixo custo que permita a utilización das TIC de forma efectiva para a mellora da aprendizaxe e a colaboración nas pequenas escolas rurais de Galicia, baseada en solucións de cloud computing, virtualización e software libre”.

PUBLICIDADE