O galego Anxo Pérez inaugurará o Salón MiEmpresa

xoves, 12 de febreiro do 2015 Redacción

Será o vindeiro martes 17 de febreiro cando teña lugar a apertura da VI edición do Salón MiEmpresa, o meirande encontro de España para start-ups, PEME, emprendedores e autónomos que se celebrará no Barclaycard Center (antigo Palacio de Deportes da Comunidade de Madrid) e que se prolongará até o 18 do mesmo mes. Emporiso, a inauguración desta xuntanza correrá a cargo dun galego, Anxo Pérez, fundador de 8Belts.com, unha plataforma en liña dende a que se promete ensinar a falar chinés en oito meses.
Co título de Rumbo ao triunfo, este evento abrirá as súas portas a partir das 9.30 da mañá coa conferencia Se ves que diluvia, vende canoas. Segundo conta a organización, Anxo Pérez é un emprendedor que se fixo a si mesmo: domina 9 idiomas e é autor do best-seller Os 88 banzos do éxito. En 2014 obtivo o premio Cidadán Europeo polo Foro Europa e en 2013 o premio Emprendedor do Ano de Deloitte.
E indo ao miolo, o Salón MiEmpresa orientará a máis de 15.000 emprendedores. Bankia volve ser o patrocinador principal desta nova convocatoria, que conta con Correos como copatrocinador e co respaldo de Madrid Emprende, a marca baixo a que o Concello de Madrid impulsa todos os seus servizos de promoción empresarial.
Logo da inauguración, entregaranse dous premios a organizacións comprometidas co apoio ao emprendemento, recoñecendo a súa traxectoria e adicación continua a este colectivo.
Para obter máis información ao respecto cómpre visitar a ligazón específica do evento.

PUBLICIDADE