O iPhone, á cabeza das procuras de móbiles de segunda vida
xoves, 23 de abril do 2015
O portal
Segundamano.es vén de presentar un informe sobre as vendas en España
de telefonía móbil de segunda vida. Segundo fai saber, a marca
iPhone é “a raíña absoluta” neste mercado. Para que nos
fagamos unha idea, sinálase, tan só no último mes e medio
realizáronse máis de 600.000 procuras do devandito produto no
portal de compravenda por parte de persoas interesadas en adquirir
algún dos modelos da marca. No que se refire aos diversos modelos da
familia de Apple, o iPhone 5 (24%) é o modelo máis procurado,
seguido do iPhone 5s (16%), do iPhone 6 (15%) e dunha das versións
máis antigas no mercado, o iPhone 4 (9%).
Pola contra, o modelo
máis novo da marca, o iPhone 6 Plus, amorea só o 3% da demanda. No
informe saliéntase que o 24% das operacións de busca corresponden a
usuarios que non especifican o modelo de iPhone que queren adquirir.
A maiores, na
investigación comparouse tamén a demanda doutras marcas
competidoras. Así, infórmase, “mentres que o 58% dos usuarios
busca comprar un iPhone de segunda man; o 23% dos usuarios interésase
por algún dos modelos da marca Samsung; e tan só o 8% decántase
por buscar un teléfono da marca Sony”. LG e Nokia completan a
clasificación cun 8% e 2% das procuras, respectivamente.