O presidente da Xunta presentou en Lugo o Plan de Banda Larga 2010-2013

venres, 19 de febreiro do 2010 Redacción

Lugo acolleu esta mañá a presentación do Plan de Banda Larga 2010-2013, da man do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, quen destacou que grazas a esta iniciativa «ningún proxecto deixará de ubicarse en ningún punto de Galicia polas súas condicións tecnolóxicas» pois persegue que «durante os anos 2011, 2012 e 2013 se poida cumprir coas comunicacións, non só viarias, que tamén, se non finalizar a comunicación integral de Galicia coa banda larga». Para acadar este obxectivo, Feijoo lembrou algunhas das cifras máis importantes do Plan que, «cun investimento de 232 millóns de euros, dos que a Xunta aporta directamente dos fondos públicos máis de cen», persegue achegar o acceso a internet «ao 100% dos galegos», de xeito que o 94% da poboación podería ter acceso de banda larga de calidade a través de tecnoloxía ordinarias, mentres que para o 6% restante debería optarse por servizos vía satélite (entre outras tecnoloxías alternativas).

Lugo foi a cidade elixida para dar a coñecer o Plan á poboación galega

A Xunta «priorizará ás provincias de Lugo e Ourense» coa meta de reducir a fenda dixital existente, o que quedou evidente na elección do lugar de presentación deste Plan (a cidade de Lugo), que simplemente busca garantir «a posibilidade de acceso á Rede do 100% dos galegos. A incorporación do rural galego e por extensión, de todo o país, a un mundo xa interconectado e, na práctica, sen fronteiras».
Así mesmo, o presidente galego destacou que o Plan permitirá reforzar a idea de Galicia como «cidade única, como unha cidade global que necesita unha comunicación global» que implica estar conectada por «terra, mar, aire... e cable».
Pola súa banda, a secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, incidiu en que o obxectivo do Plan é reverter a actual situación de desigualdade social que vive a comunidade en materia de acceso aos servizos de telecomunicacións, e contribuír ao aproveitamento das TIC como motor para a dinamización e a competitividade empresarial, así como a modernización dos servizos públicos. Será, segundo Mar Pereira, un despregamento de infraestruturas baseado na eficiencia e na cooperación de todos os axentes implicados, o que permitirá que a dotación orzamentaria de 102 millóns de euros da Xunta de Galicia poida superar os 230 millóns mobilizando capital privado e doutras administracións.
A responsable de Modernización explicou o proceso de desenvolvemento de infraestruturas que permitirá o acceso aos servizos avanzados da Sociedade da Información de cidadáns e empresas de todo o territorio galego. En primeiro, lugar están as actuacións que contribuirán á vertebración territorial, como o despregamento de redes fixas que achegará a banda larga a máis de 170 núcleos de máis de 100 habitantes e parques empresariais e polígonos industriais con deficiencia de cobertura, o que supón arredor de 100.000 persoas; a extensión de redes sen fíos a preto de 9.000 núcleos que non se cubran coas actuacións anteriores e que equivalen a máis de 400.000 habitantes; e a potenciación do operador público Retegal que permitirá reducir custes e acelerar o despregamento da banda larga.
Outra liña de actuación é a universalización do servizo que dotará de cobertura a outras 143.000 persoas que vivan en zonas que pola súa dispersión ou xeolocalización non foran incluídas nas actuacións anteriores. Finalmente, o desenvolvemento de infraestruturas completarase coas de redes de nova xeración que alcanzan velocidades de ata 100 Mbps.
O denominador común de todas estas actuacións é a prestación dun servizo de banda larga de calidade, con velocidades de acceso superiores a 2 Mbps, podendo chegar a 100 Mbps no caso de redes de nova xeración.
O despregamento das infraestruturas de telecomunicación permitirá cambiar a situación actual da Comunidade na que un total 786.000 galegos (o 30% da poboación total), preto de 35.000 empresas (16%) e 589 entidades de poboación con algunha entidade administrativa non teñen posibilidade de acceso á banda larga.


Entrevista a Mar Pereira no programa Bos Días da TVG para comentar o Plan de Banda Larga 2010-2013


Dende o Telexornal da TVG tamén deron conta da presentación do Plan de Banda Larga 2010-2013

PUBLICIDADE