O programa europeo FI-PPP destina 80 millóns a iniciativas que liguen Internet a todos os ámbitos sociais

xoves, 2 de outubro do 2014 Redacción

Este mércores de outubro desenvolveuse de xeito presencial e telemático a xornada Oportunidades de financiamento para PEME na Internet do futuro, unha actividade que como o seu propio nome indica, dirixiuse a amosar en detalle as cousas que podemos facer e as xanelas que podemos abrir para acadarmos fortalecemento económico para as nosas iniciativas TIC. A xornada, que veu da man da Axencia Galega de Innovación (GAIN), tirou abaixo límites espaciais: desenvolveuse presencialmente en Santiago e a través de videoconferencia para as empresas das nosas restantes cidades (por exemplo as da Tecnópole de Ourense). As sesións serviron, máis polo miúdo, para presentar as axudas da Unión Europea para as PEME comprometidas coa construción da Rede que vén. Informouse, polo tanto, dos requisitos e condicións para acceder aos incentivos.
Polo tanto, fíxose fincapé no programa europeo Future Internet Public Private Partnership (FI-PPP), que acubilla as diferentes liñas de axuda que se están a presentar estes meses e que pon a disposición das PEME e emprendedores 80 millóns de euros para o desenvolvemento de produtos e servizos innovadores empregando a tecnoloxía despregada nas anteriores fases do programa. O programa fornece distintas vertentes temáticas: eSaúde, enerxía e medio ambiente, Cidades Intelixentes, etc.
A xornada contou coa presenza do director da Axencia Galega de Innovación, Manuel Varela Rey, quen salientou as posibilidades que ofrece a Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia – RIS3 para que tiremos proveito das oportunidades de financiamento que ofrece Europa. Varela engadiu que a RIS3 “define un marco de actuación no que as PEME innovadoras, o emprendemento e a transferencia de resultados ao tecido empresarial son eixos centrais da súa estrutura”. Asemade, valorou positivamente as oportunidades do programa europeo FI-PPP, que ten aberta a súa terceira fase achegando 80 millóns de euros para apoiar iniciativas que fomenten a competitividade da industria de desenvolvedores de software e potencien as ligazóns entre Internet, servizos innovadores e aplicacións públicas e sociais.
Ao fío disto, Varela fixo saber que a axencia que dirixe puxo en marcha un servizo de asesoramento específico para facilitar aos interesados o aproveitamento das posibilidades que ofrece o programa. O servizo incluirá deste orientacións iniciais ata o apoio necesario para a preparación da proposta concreta a presentar, dixo. Tamén sinalou que o programa, alén de financiamento, constitúe “un excelente ecosistema de innovación” con servizos de soporte a nivel internacional: asesoramento, traballo en rede, formación e acceso a investidores especializados.

PUBLICIDADE