O quinto Carballo Interplay terá en competición 42 webseries de todo o mundo

xoves, 15 de marzo do 2018 Fernando Sarasketa

Collaxe feito coas propostas procedentes do ámbito estatalAté 42 webseries de todo o mundo competirán na sección oficial da quinta edición do Festival de contidos dixitais Carballo Interplay, que se celebrará os días 4, 5, 6 e 7 de abril na vila coruñesa e que repartirá máis de 5.000 euros en premios. Así nolo contaron os días pasados as principais impulsoras do certame, Sonia Méndez e Sandra Lesta, xunto co Concelo de Carballo, engadindo que a quinta edición do concurso elixiu (entre máis de 250 propostas chegadas de todo o mundo) un total de 3 propostas galegas e en galego, 12 do resto do ámbito estatal e 27 do resto do mundo.
Noutras palabras: os que acudamos ao festival, teremos a sorte e o privilexio de ver, dende o corazón de Bergantiños, achegas audiovisuais innovadoras (por formato, por contido) de Arxentina, Australia, Canadá, Chile, Estados Unidos, Finlandia, Francia, Holanda, Italia, Líbano, México, Nova Zelanda, Reino Unido, Suíza, Uruguai e, por suposto, España.

Montaxe das contribucións galegas

Cada unha das tres categorías repartirá 800 euros en premios. O xurado do certame estará composto polo guionista e realizador Carlo Padial, a crítica Desirée de Fez, o xornalista Iago Fernández, a actriz María Tasende, o guionista Óscar Cruz e a directora Anxos Fazáns. Ademais, o público decidirá cos seus votos (entre todas as contribucións) un premio de 400 euros e, por vez primeira nesta edición, un xurado novo entregará outro premio de 400 euros. Conforman este xurado a youtubeira Nuria Espasandín, o músico Cristian Andrade a ilustradora Laura Tova e o picadiscos e programador do Xiria Pop Maikel Pérez.

PUBLICIDADE