O videoclub en liña Voddler chega a España cun servizo de reprodución offline

mércores, 21 de decembro do 2011 Fernando Sarasketa

Voddler, a plataforma de cinema a través de Internet que en breve chegará a España (logo de terse convertido en líder do seu sector en Escandinavia), prepara a súa irrupción no territorio nacional facendo ruído: cun servizo para ver películas sen acceso ás redes. De feito, está a estrear xa o seu modo offline, unha liña de actividade que, como o seu propio nome indica, consisten en achegar a oportunidade de ver películas sen conexión, logo de telas seleccionado o usuario nunha playlist e que logo poderanse recuperar, para a súa visualización, no intre e lugar en que o internauta (neste caso, “non internauta”) o desexe, incluíndo espazos con conexión lenta ou sen conexión algunha.
Por exemplo: o tren, o asento do coche (os de atrás, coidado), na praia, no parque ou até no avión, como sinala Voddler, “xusto enriba das nubes”.
O funcionamento é este: cando o cliente está en liña, pode dedicarse a escolmar os filmes polos que crea que vai seguir devecendo cando non estea en liña, sempre e cando sexan filmes que o servizo ten en aluguer e, polo de agora, só dispoñíbeis para ordenadores. “Disponse”, sinala a empresa, de dúas semanas para “reproducir o título alugado e un período de visualización de dous días unha vez que comezou a reprodución da película”. Para poder ver os títulos en modo sen conexión requírese a descarga dun reprodutor específico de Voddler, de balde, a primeira vez que o usuario prepara a listaxe offline de títulos. En realidade, o servizo non ten moito de innovador (trátase de permitir unha descarga e un visionado por tempo limitado, e todo pola vía do pago) pero pode ser útil para quen queira certas garantías á hora de ver cine por Internet (garantías de alta calidade e demais, que non sempre están aseguradas nas canles libres).

PUBLICIDADE