O xogo galego Zombeer sae hoxe á venda para PlayStation 3

mércores, 22 de xaneiro do 2014 Marcus Fernández

O estudio galego de videoxogos Moonbite Games leva anos traballando duramente para que a súa grande creación, Zombeer, un xogo de acción en primeira persoa no que enfrontarse a un apocalipse zombi mentres se bebe Zombeer para non sucumbir ante o virus que infecta á poboación que vén de rematar o seu desenvolvemento, para comezar agora a súa fase de comercialización, que comeza hoxe mesmo coa súa estrea na tenda dixital da PlayStation 3 por 14,99 euros e continuará semanas despois co lanzamento de versións para PC e Mac en Steam (grazas á iniciativa Steam Greenlight).

Imaxe promocional da estrea europea de Zombeer na PSN

Pero agora que o lanzamento do xogo é unha realidade vemos que o que está a causar sensación entre a comunidade de xogadores non é o argumento deste título, as súas numerosas referencias e parodias da cultura pop, as curiosa mestura entre sensualidade e aparencia arrepiante das mozas infectadas que se cruzan no camiño de K (o protagonista desta aventura), nin da súa divertida banda sonora interpretada polos Motorzombis, senón a curiosa e explícita listaxe de trofeos que poderán desbloquearse en Zombeer, que van dende un Ay Ay Ay! por atopar todas a figuras de homes en tanga ata o case imposible Good Vibrations! que poderá conseguirse ao rematar o xogo empregando como única arma un consolador.

A listaxe de trofeos de Zombeer está a causar furor entre a comunidade gamer

Para dinamizar a estrea deste agardado título dende Moonbite decidiron iniciar en Twitter unha grande guerra para avaliar constantemente a tendencia e comprobar se son máis mortíferos os zombis ou as cervexas. Deste xeito poderemos facer un seguimento do que se está a falar en Twitter deste xogo que chega hoxe á PlayStation Network europea.


Novo trailer de Zombeer

PUBLICIDADE