Os Hangouts en directo abandonarán Google+

martes, 16 de agosto do 2016 Marcus Fernández

Imaxe dun Hangout en directo protagonizado polo presidente Obama

Dende o ano 2011 Google leva a empregar en Google+ a súa solución de videoconferencia, Hangouts, como un xeito de realizar retransmisións de vídeo en directo, abrindo esta ferramenta ao público en 2012 para anunciar agora que este servizo popular entre certos tipos de usuarios (xornalistas, podcasteiros...) pola súa utilidade para a realización de debates, entrevistas ou sesións nas que celebridades poden interactuar cos seus seareiro prepara a súa mudanza, programada para o 12 de setembro, data na que os Hangouts en directo deixarán de estar dispoñibles en Google+ e, quen queiran realizar algo semellante, deberá empregar YouTube Live, onde si poderán programarse eventos en vídeo con normalidade.
Polo momento as opcións de preguntas e respostas, escaparate e aplauso, dispoñibles en Hangouts en directo non están dispoñibles en YouTube Live, e non se sabe se pasarán a integrarse en breve, pois polo momento dende Google recomendan utilizar solucións alternativas (principalmente redes sociais) para suplir esas prestacións.
A desaparición de Hangouts en directo pode entenderse como un paso máis na desarticulación de Google+ como rede social, aínda que tamén pode verse como un xeito de homoxeneizar o vídeo en directo dende servizos de Google, á vez que tamén evitarían que dende móbiles houbese certa canibalización de servizos agora que está a emerxer Google Duo.

PUBLICIDADE