Os directos de Periscope poderán verse en chíos incrustados

xoves, 21 de xullo do 2016 Marcus Fernández

Actualmente hai centos de millóns de reproducións de emisións de vídeo en directo achegados a través de Periscope, e para non perder posicións ante a dura competencia que están a vivir este tipo de servizos, a compañía propiedade de Twitter presenta novidades, como a nova característica chamada Highlights, que xera un pequeno tráiler de cada retransmisión de Periscope, para que os usuarios poidan revisar as retransmisións que se perderon, para comprobar se desexa velas a posteriori. Esta prestación chegará a iOS e Android nos vindeiros días.
Máis interesante é a posibilidade de reproducir retransmisións de Periscope en chíos de Twitter incrustados, ou sexa, que cando coloquemos nunha páxina web un chío que inclúe un Periscope, o vídeo en directo ou diferido poderá verse na web, incrementando así a visibilidade deste tipo de retransmisións.
A para completar as novidades, a aplicación de Periscope incorporará a reprodución automática cando estamos a revisar as retransmisións actuais. Esta funcionalidade estrearase inicialmente na aplicación para Android, chegando máis adiante a iOS.

PUBLICIDADE