Os piratas de Alemaña seguen avanzando cara ao 10% da intención de voto

martes, 27 de marzo do 2012 Fernando Sarasketa

Seareiras/os do PiratenPartei nunha imaxe recente de NZZOnline

Piratas de Galicia, o gran de area da nosa terra no movemento internacional que reivindica a liberdade para o intercambio de información e comunicación na Rede, do que falamos en Código Cero con motivo da súa posta en marcha, vén de informar de novidades para o porvir e o afianzamento do movemento Pirata. Máis polo miúdo, trátase da consecución de catro escanos no Land do Sarre por parte por PiratenPartei Alemaña, o equivalente xermano a Piratas de Galicia. O resultado destas eleccións, sinala a fronte galega, celebradas os días pasados, pon de manifesto o pulo que está a recibir o movemento a nivel internacional, sendo os acontecementos que se rexistran en países como Alemaña un indicativo ben claro do que ocorrerá a curto ou medio prazo nos países da súa contorna, incluído o noso.
Máis polo miúdo e volvendo ás eleccións do Sarre, o PiratenPartei acadou o 7,4% dos votos, “o que lle garante catro escanos nun Parlamento especialmente complexo”, informa a fronte galega, “tendo en conta a demografía de Sarre a escasa marxe de manobra que acompañou as eleccións”.
O Movemento Pirata, engádese, medra firme “e divulga a súa mensaxe grazas a este novo éxito”, sendo Alemaña un referente en uso das TIC a tódolos niveis, un foco de información central e moito máis transparente dende o punto de vista social que unha boa parte dos integrantes da Unión Europea. Por certo que o seu particular Partido Pirata tamén ten boa representación no Parlamento de Berlín, onde os piratas xermanos acadaron o ano pasado nada máis e nada menos que 15 escanos. A isto hai que engadir os 50 rexedores que ten en Baixa Saxonia (dos 150 totais) ou o feito de que as sondaxes lle conceden o 10% da intención de voto nas vindeiras eleccións xerais. A conclusión, segundo apunta a fronte galega, é que Alemaña é cada vez máis pirata.

PUBLICIDADE