Os responsábeis de Blow the Cartidge piden máis apoio formativo para os vindeiros profesionais do sector dos videoxogos

luns, 20 de xaneiro do 2014 Redacción

Do documental galego Blow the Cartidge xa temos salientado o seu gran interese como obra de divulgación e investigación, non só porque propón un achegamento á industria dos videoxogos da nosa terra e todo o eido estatal, senón tamén fornece claves e respostas para todos aqueles que neste intre estean a barallar a posibilidade de adicarse profesionalmente a este sector do lecer tecnolóxico. Agora, toca volver falar desta obra entre outros motivos porque os seus autores (os estudantes de Belas Artes: Alberto Abal, Rubén Calles, Francisco Pérez e Irene Ríos) foron quen de acadar co seu documental a cifra nada desprezábel das 14.000 reproducións na Rede. Ademais, móllanse para propor máis apoio formativo para unha área profesional que constitúe unha moi boa oportunidade laboral e creativa.
A curtametraxe Blow the Cartridge, como dixemos, despexa dúbidas sobre a viabilidade do sector dos videoxogos como eido profesional para a nosa mocidade. Despexa dúbidas e lanza unha mensaxe a ter en conta: sen dúbida que o sector dos videoxogos ten futuro na nosa terra e no territorio estatal. O único que falta son máis apoios, e non só das institucións públicas e das empresas ou fondos de investimento, senón tamén das universidades. Para estes catro estudantes de Belas Artes, está claro que as universidades deberan ofrecer xa graos públicos dos que saian os futuros profesionais do sector. Segundo informa a Universidade de Vigo, os Abal, Calles, Pérez e Ríos coinciden en afirmar que o futuro desta industria está no mercado independente. E explican: “Estamos volvendo en gran medida ao modelo que tiñamos na década de 1980 e que nos levou á cima do software internacional; pequenos estudios con produtos moi persoais que se fan un oco nun mercado que a día de hoxe demanda propostas independentes e orixinais”.
Lembrar que as pretensións que levaron a estes catro mozos a desenvolver este proxecto audiovisual pasaron na orixe da iniciativa por “expor unha visión xeral do estado da industria do videoxogo en España e as posibilidades que brinda a un novo friki a piques de rematar os seus estudos”. A idea de Blow the Cartridge xurdiu a raíz do primeiro exercicio que se expón na materia Proxectos Videográficos de cuarto curso de carreira. Pois -segundo apuntou recentemente Abal- “a proposta era tan sinxela como levar a cabo unha peza de corte audiovisual, e nós, sendo como somos uns obsesos dos videoxogos, non puidemos evitar que a nosa mente se fose dereita á idea de facer un documental sobre o tema". Para máis información sobre o documental Blow the cartridge cómpre visitar o Facebook habilitado.

PUBLICIDADE