Os videoxogos e a robótica destacan entre a futura oferta de mestrados da UDC

luns, 16 de xaneiro do 2017 Redacción

O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, presentou esta mañá, primeiro ante os decanos e directores de centros, e logo a medios de comunicación, a proposta de novas titulacións nas que se traballa para implantar no Campus de Ferrol nos vindeiros cursos. A proposta que se manexa prevé que se implanten as novas titulacións en dous cursos.
Curso 2018/2019:
- Grao en Xestión Industrial da Moda, con 45 prazas
- Mestrado Universitario en Deseño Industrial coas especialidades de Xoias, Mobles e Automoción (20 prazas)
- Mestrado Universitario en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos (20 prazas)
Curso 2019/2020:
- Mestrado Universitario en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Moda (20 prazas)
- Mestrado Universitario en Informática Industrial, Automática e Robótica (20 prazas)
A implantación de novas titulacións forma parte das liñas estratéxicas previstas na especialización do Campus de Ferrol como Campus Industrial de Ferrol. Con esta proposta, manifestou o reitor esta mañá, buscouse ter unha oferta académica atractiva que complemente as actuais titulacións existentes no Campus de Ferrol, e dirixida a sectores económicos e sociais estratéxicos para Galicia e para o resto de España xa que os títulos terán un alto enfoque práctico e profesionalizante.
O Mestrado en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos, tamén de 120 créditos, está pensado para especializar a titulados de Deseño, Comunicación Audiovisual, Informática, Enxeñaría Electrónica e Industrial, entre outros perfís de ingreso. O Mestrado en Informática Industrial, Automática e Robótica será interuniversitario.
Abalde declarou que esta proposta é «ambiciosa e coa que queremos que o Campus de Ferrol sexa un referente para os distintos sectores económicos implicados».

PUBLICIDADE