Ouvirmos lanza a versión web do seu libro-CD sobre os instrumentos galegos
xoves, 3 de decembro do 2015
A empresa Ouvirmos,
centrada na xestión de proxectos culturais e especializada en
patrimonio musical, está a presentar estes días a páxina
web instrumentosgalegos.gal, que é a versión en liña do
libro-CD Guía
Didáctica de Instrumentos Galegos de Moisés Quintas, en
palabras de Ouvirmos “un excelente recurso para profesores de
Primaria” e que salienta por achegar unha exhaustiva clasificación
e descrición dos instrumentos de noso e das súas partes, incluíndo
datos pormenorizados sobre etimoloxía, orixe e evolución.
A web
instrumentosgalegos.gal, ao igual que o libro-CD do que abrolla,
quere ser ante todo “unha ferramenta práctica e útil de apoio ao
coñecemento e ensino da música galega”. Inclúe cun cumprido
feixe de ilustracións (máis de 100 fotografías) e compleméntase
con máis de 40 pistas de audio de todos os instrumentos recollidos.
Abrangue ademais múltiples recursos e un obradoiro para a
construción de instrumentos sinxelos. Lembrar que o libro-disco que
lle serve de orixe, a día de hoxe con edición esgotada, foi lanzado
en setembro de 2011 como un xeito de favorecer a preservación do
noso patrimonio musical, “un legado de coñecementos históricos e
actuais, a piques de desaparecer sobre os instrumentos populares e
tradicionais galegos”.