Procreate Dreams convida a crear animacións no iPad

venres, 24 de novembro do 2023 Marcus Fernández

En setembro os responsables de Procreate, a aplicación máis popular para a realización de ilustracións dende o iPad, anunciaron unha nova aplicación que aproveitaría moitas das mecánicas creadas no seu programa anterior e aplicarías á animación. Procreate Dreams saíu á venda esta mesma semana a un prezo de 22,99 euros como pago único, en contrate coas subscrición de pagamento que tan de moda están.
Esta nova aplicación busca reducir a curva de aprendizaxe da animación, así como ser unha ferramenta divertida convidando ao usuario a xogar creando distintos efectos e animacións dende cero ou aplicándoas a imaxes e vídeos existentes.
En Procreate Dreams pode crearse case de todo, dende animación imaxe a imaxe, até animacións baseadas en fotogramas claves, para facer animacións en dúas dimensións, engadir elementos animados a vídeos reais ou, simplemente, crear pequenas animacións que despois converter en adhesivos animados para utilizar en redes sociais. E todo isto podendo previsualizarse en tempo real, dando conta das grandes posibilidades que ten o iPad como ferramenta creativa.

PUBLICIDADE