Sae á venda a Nintendo Classic Mini

venres, 11 de novembro do 2016 Marcus Fernández

Os nostálxicos das consolas de videoxogos clásicas están finalmente de parabéns, xa que a Nintendo Classic Mini vén de chegar ás tendas, aínda que en unidades moi limitadas, de xeito que este produto que prometía converterse nun moi socorrido agasallo de Nadal non vai poder chegar ás mans de todos os que o desexan, xa que as súas reservas foron moi elevadas e será complicado facerse coas unidades que vaian chegar nas vindeiras semanas, aínda que dende Nintendo xa advertiron que procurarán seguir producindo unidades para que nos vindeiros meses sexa posible facerse con este produto tan curioso (de xeito que non é preciso sucumbir ante os especuladores que están a vender actualmente a miniconsola a preto do dobre do seu prezo oficial, o que resulta bastante absurdo xa que non estamos ante unha edición limitada).
A Nintendo Classic Mini é unha versión da NES, a consola que nos anos 80 chegou a moitos fogares levando franquías como Super Mario Bros, The Legend of Zelda ou Donkey Kong a moitos xogadores que serían fieis á marca durante décadas, de aí que moitos son os que queren facerse con este trebello que ofrece unha réplica de tamaño reducido e adaptada a televisores modernos (inclúe HDMI) para poder rememorar os vellos tempos por un prezo moi axustado (59,99 euros) incluíndo 30 dos xogos máis representativos preinstalados, polo que a experiencia que achega resulta bastante satisfactoria, aínda que cun atranco que confían que arranxen nalgunha futura revisión: o cable que conecta o mando coa consola é demasiado curto para os tempos actuais nos que estamos afeitos a xogar a certa distancia do televisor.
Como curiosidade, o mando desta pequena consola tamén pode empregarse en Wii e Wii U para xogar aos títulos clásicos da Consola Virtual, o que tamén pode animar a algún comprador a facerse cun mando adicional (para poder gozar dos títulos multi-xogador).

Vídeo promocional da Nintendo Classic Mini

PUBLICIDADE