Spielberg dirixirá a adaptación cinematográfica de Ready Player One

xoves, 26 de marzo do 2015 Marcus Fernández

A novela de ciencia ficción distópica de Ernest Cline, Ready Player One, conseguiu converterse en toda unha obra de culto entre os amantes da cultura do videoxogo, chegando incluso a facerse co Premio Prometheus no ano 2012, e agora esta obra promete consolidar o seu nome grazas a que o propio Steven Spielberg vai ser o encargado de dirixir a súa adaptación cinematográfica de Village Roadshow e Warner Bros.
Ready Player One suporía o retorno de Spielberg á Warner tras 14 anos de ausencia, e como curiosidade coméntase que no libro de 2011 non faltan referencias ás producións de Spielberg como a franquía de Indiana Jones ou o clásico E.T.
A obra orixinal sitúa a acción no ano 2044, nun momento no que a realidade virtual é algo común, e un mozo móvese por un dos mundos virtuais existentes, OASIS, para atopar un ovo de pascua que permitiríalle superar un reto proposto polo creador dese mundo virtual recibindo como recompensa a súa compañía (o que levou a millóns de usuarios a perseguir tal obxectivo durante anos). A grande curiosidade deste percorrido é que pasa superar este desafío hai que resolver quebracabezas nos que choven as referencias á cultura popular dos anos 80 (entre os que destacan videoxogo que hoxe son auténticas iconas), o que contribuíu precisamente a que esta obra gozase de tanta aceptación por parte do público até converterse en todo un fenómeno internacional.

PUBLICIDADE