Spin2016 xuntará en Santiago máis de dous milleiros de emprendedores e estudantes partillando innovación

martes, 16 de febreiro do 2016 Fernando Sarasketa

Santiago estará en outono do ano vindeiro no epicentro das capitais emprendedoras do mundo. O motivo? A celebración de Spin2016, un evento dirixido a fomentar o espírito innovador dos nosos universitarios e que xuntará na Cidade da Cultura un centenar de relatores de 20 países e uns 2.000 asistentes (estudantes, futuros empresarios, investidores, asesores, reitores, expertos en innovación e novas tecnoloxías, etc). A nova edición (a terceira) de Spin vén da man (como nas anteriores convocatorias) de RedEmprendia, o tecido interuniversitario e transatlántico de palestras para o emprendemento que dirixe o galego Senén Barro. O propio ex reitor da USC estivo hoxe na Cidade da Cultura de Compostela, acompañado polos responsábeis das principais entidades co-impulsoras do evento, para falar das datas de Spin (29 e 30 de setembro, 1 de outubro), dos seus obxectivos e das oportunidades que vai achegar á nosa mocidade (será en boa medida unha factoría de ideas convertidas en proxectos).
Segundo lembrou Barro, Spin2016 será un evento de fonda implicación xeográfica. De feito, dixo, reunirá o talento innovador e emprendedor de América Latina, España e Portugal, “nun evento que só en tres edicións foi quen de consolidarse como a plataforma para impulsar empresas de alto impacto baseadas no coñecemento e máis na I+D”. Será, dixo, a iniciativa de emprendemento e innovación máis importante da contorna iberoamericana, “unha cita ateigada de creatividade e cultura dixital” na que participarán dúas ducias de universidades de oito países. Tamén lembrou que a capital galega toma “desta maneira” a testemuña de Cidade de México (Spin2014) e Madrid (Spin2012) como anfitrioa de Spin2016, unha edición que conta co apoio da Xunta de Galicia (Consellerías Economía e Cultura e Educación), as tres universidades galegas (a Universidade de Santiago, a Universidade da Coruña e a Universidade de Vigo), a Universidade de Porto (Portugal), a Fundación Cidade da Cultura de Galicia e o Banco Santander, a través de Santander Universidades.
A presentación de Spin2016 desenvolveuse na mañá deste 16 de febreiro nunha rolda de prensa celebrada na Cidade da Cultura. O acto contou coa presenza dos conselleiros de Cultura e de Economía, Román Rodríguez e Francisco Conde, respectivamente; os reitores das Universidades de Santiago, Vigo e A Coruña, Juan Viaño Rey, Salustiano Mato e Julio Abalde; o director de Santander Universidades España, Pedro Alonso Gil; o presidente de RedEmprendia, Senén Barro; e pró-reitor para Inovação e Empreendedorismo da Universidade do Porto, Carlos Brito.
Segundo engadiu Senén Barro, un dos grandes obxectivos do evento é acadar que os centos de estudantes que se xunten en Compostela teñan “unha experiencia única”. Para asegurar a consecución deste reto, Spin2016 abrirá xanelas de apoio aos universitarios (co fin de axudar a que as súas ideas deveñan en proxectos) e amosará as experiencias doutros emprendedores que xa percorreron camiños semellantes e lograron con éxito afianzarse no mercado. A idea é crear, polo tanto, un gran “marketplace” de ideas, talento e recursos, con charlas, relatorios, conferencias, obradoiros e seminarios, contándose coa participación de empresarios de referencial internacional e expertos no mundo dos negocios, a docencia, a ciencia, a gastronomía e, por suposto, as novas tecnoloxías da información. Segundo explicou Barro, farase especial fincapé na xeración de contactos, a través da fórmula do networking e do partnering entre participantes. Asemade, engadiu, levarese ás rúas de Compostela o espírito emprendedor e de intercambio de recursos e coñecemento.
Nun plano aínda máis concreto, RedEmprendia ten pensado lanzar no marco de Spin unha nova edición de Model2Market, un programa destinado a “fortalecer modelos de negocio xurdidos na Universidade que salienten polo seu elevado grao de innovación e potencial de impacto social e económico”. Segundo se fixo saber na presentación, a iniciativa foi quen de impulsar empresas punteiras como por exemplo a firma lusa AddVolt, que desenvolve sistemas de xeración, recollida e almacenamento de enerxía para optimizar o consumo enerxético nos camións refrixerados. Ao abeiro de Spin tamén se vai desenvolver StartMoney4Stars, que é un foro de investimento e oportunidades para acelerar empresas xurdidas das universidades (spin-offs) e firmas novas no mercado (start-ups) baseadas no coñecemento e as novas tecnoloxías.
Na presentación de Spin2016 tamén participou o conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, que lembrou que no evento vanse distribuír premios por valor de 100.000 euros e que grazas a el, a Cidade da Cultura e o seu Centro de Emprendemento situaranse como “un referente no mapa internacional do emprendemento, cun total de 150 proxectos empresariais innovadores e startups recibindo apoio directo”. Román Rodríguez destacou que Spin 2016 é un “proxecto de goberno”, como reflicte a presenza de dúas consellerías, e celebrou a implicación das tres universidades galegas e da “universidade irmán” de Porto. Ademais, salientou a experiencia e capacidade da RedEmprendia, responsábel das dúas edicións anteriores de Spin, en México e Madrid, e o apoio dunha entidade financeira líder, o Banco Santander. “Os universitarios formados nos campus deben ser a base do modelo produtivo do futuro”, dixo, ao que engadiu que “sabemos que este futuro pasa pola competitividade e, polo tanto, pola innovación”.

PUBLICIDADE