Telefónica e a ITU organizan dous certames para promover a enerxía sustentábel nas TIC

mércores, 1 de febreiro do 2012 Fernando Sarasketa

A venezolana Lis Lugo Colls foi a gañadora da anterior edición do Green ICT Aplication Challenge

Agora que estamos xa de cheo no Ano Internacional da Enerxía Sustentábel, non está de máis que nos apliquemos o conto. Para ir abrindo camiño e dando un aquel de exemplo, algunhas das organizacións máis importantes do sector das telecomunicacións e as novas tecnoloxías xa están a poñer en marcha iniciativas para promover o rendíbel e o ecolóxico, cousa que, cómpre non esquecelo, tamén as beneficia a elas, a medio e longo prazo. Por este camiño van Telefónica e o organismo ITU, departamento da ONU centrado nas TIC, que, ombro con ombro, acaban de anunciar dúas iniciativas para descubrir usos innovadores, e limpos, das novas canles dixitais.
Por unha banda a primeira Green ICT Hackathon (maratón de desenvolvemento de aplicacións green TIC que se vai celebrar os días 28 e 29 de febreiro en Barcelona) e máis a segunda edición do certame Green ICT Application Challenge, ao que poderemos ir presentando ideas para impulsar o emprego sustentábel da enerxía, dende este intre e até o 13 de abril.
O obxectivo da ITU ao promover nestas iniciativas é, contribuír, á súa vez, ao seu obxectivo de minimizar o impacto das novas tecnoloxías no medio ambiente. “A enerxía sustentábel para todos”, sinala o secretario xeral da ITU, Hamadoun Touré, “é clave para o futuro da civilización moderna, e o noso organismo comprometeuse a descubrir aplicacións das TIC baseadas nos novos métodos de pensar, ideas axeitadas para o cambio que precisamos conseguir para lograr un futuro sustentábel”. Volvendo aos certames en cuestión, sinalar que Green ICT Hackathon coincidirá co Mobile World Congress e ao seu abeiro os desenvolvedores de todo o mundo compitan na creación dunha ferramenta TIC que teña, como razón de ser, a enerxía sustentábel. Preséntase como maratón de desenvolvemento de programas, con data para a comunicación dos gañadores fixada o 29 de febreiro, e premios, para os dous primeiros clasificados, de 3.000 e 2.000 euros.
Pola súa parte, o Green ICT Application Challenge, é un concurso no que deberemos presentar un proxecto para a creación dunha solución que aposte claramente pola enerxía sustentábel. Os participantes deberán achegar os seus proxectos entre o 1 de febreiro e o 13 de abril. O gañador recibirá 3.000 dólares nun acto de clausura que se celebrará na Conferencia da ONU sobre o Desenvolvemento Sostíbel, en Rio de Janeiro, en xuño de 2012.

PUBLICIDADE