Teremos un novo Alone in the Dark no outono

mércores, 20 de agosto do 2014 Marcus Fernández

O Alone in the Dark orixinal fixo historia tanto polo xeito de abordar o xénero do terror como por conseguir gráficos 3D en equipos de reducida potencia

O pasado mes de maio Atari estreou na App Store unha conversión do clásico de 1992 Alone in the Dark, que adaptaba o grande referente dos survival horror ao iPhone o ao iPad, reivindicando este título no que agora podemos ver como un primeiro paso para rexuvenecer a franquía, xa que agora anuncian que no outono van publicar para PC unha versión re-imaxinada deste xogo, así como de Haunted House (título publicado inicialmente por Atari en 1982).
Este anuncio pode resultar un tanto abraiante, pois non é a primeira vez que ambos xogos experimentan unha revisión, e en ambos casos o resultado foi rematadamente malo, cun Alone In The Dark en 2008 que conseguira unha puntuación en Metacritic de só un 55 sobre 100 na súa versión para PC e un aínda peor Haunted House, que en Wii tivo que conformarse cun patético 41 sobre 100 en Metacritic.
Haberá que agardar ao outono para ver o que finalmente publica Atari, no que parece ser un simple intento por manter as súas marcas vivas.

Imaxe da versión de 2008 de Alone in the Dark

PUBLICIDADE