Un estudo buscará as causas da falta de vocacións tecnolóxicas en Galicia

luns, 26 de xaneiro do 2015 Redacción

Un convenio asinado esta mañá entre o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez, a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira, e o responsable de Everis en Galicia, Jesús Lage, pretende axudar a coñecer as causas da baixa porcentaxe de matriculados es estudos tecnolóxicos en Galicia e poder abordar medidas que axuden a difundir as saídas laborais destas carreiras. O Estudo dos Factores Influentes na Elección de Estudos Tecnolóxicos en Galicia desenvolverase mediante unha enquisa en liña anónima entre alumnos de 3º e 4 da ESO e 1º e 2º de Bacharelato sobre os criterios e factores que máis lles inflúen á hora de elixir o seu itinerario formativo.
Unha vez recompilada a información, será analizada por unha comisión de expertos do campo para realizar o estudo e achegar posibles vías para potenciar as vocacións científico-tecnolóxicas, agardándose que a difusión dos resultados poida realizarse na primeira metade do ano.
A plataforma tecnolóxica para a realización da enquisa en liña achegaraa a AMTEGA, mentres que a Consellería de Educación facilitará a coordinación dos centros educativos, así como a participación dos axentes do ecosistema educativo na comisión de expertos; e Everis subministrará os recursos humanos e materiais necesarios para a elaboración do estudo.
Mar Pereira destacou que o sector tecnolóxico galego demostrou a súa capacidade e potencialidade e que o capital humano é unha das súas chaves. Por iso é preciso coñecer só o 9% dos futuros universitarios apostan por encamiñar o futuro laboral cara esta área. Tamén lembrou que o sector tecnolóxico galego está integrado por 2.232 empresas, o que nos sitúa como a quinta do Estado con maior número de empresas deste ámbito, e que emprega a máis de 15.000 profesionais, unha cifra que se maten desde o ano 2010.
Esta actuación enmárcase nos compromisos de Everis como asinante do Pacto Tecnolóxico de Galicia, un acordo no que tanto o Goberno galego como as empresas implicadas asumen un decálogo de compromisos para atraer investimento a Galicia, favorecer a internacionalización das PEME galegas e lograr a colaboración activa entre as grandes e pequenas empresas para conseguir o crecemento do sector. Xunto a Everis subscribiron o acordo as empresas tecnolóxicas HP, Telefónica, Vodafone, Indra, Tecnocom, Iecisa, Satec, Televés, R, Altia, Coremain e o Clúster TIC Galicia.

PUBLICIDADE