Un estudo salienta a rede de Vodafone como a mellor en voz e datos de España

martes, 15 de decembro do 2015 Fernando Sarasketa

Vodafone vén de reflectir un informe no que se inclúen datos moi positivos sobre a súa actividade. O estudo foi elaborado pola consultora independente P3 e a revista Connect e nel sinálase, entre outras cousas, que a rede de voz da operadora é a mellor en grandes e en pequenas cidades, así como nas estradas que as unen. En termos concretos, a rede acadou os tempos de establecemento de chamada máis curtos e a mellor calidade de voz comparada coas redes dos seus competidores. A maiores, no caso dos datos nas grandes cidades, apúntase que Vodafone “amosa un liderado sólido en visita de páxinas dinámicas e estáticas, así como en descarga de arquivos e en accesos a vídeos de YouTube en alta definición”.
O informe de P3 foi feito a través de estudos de campo nunha ducia de cidades de máis de 100.000 habitantes: Madrid, Barcelona, Valencia, Málaga, Sevilla, Granada, Palma de Mallorca, Salamanca, Valladolid, Zaragoza, Bilbao, Xixón e A Coruña. A rede de Vodafone tamén lidera o rendemento de datos en pequenas cidades. O estudo elaborouse en outubro e novembro de 2015 e nel compáranse as redes móbiles das 4 principais operadoras para pescudar cal ofrece o mellor servizo de voz e datos aos seus clientes. Na investigación, como dixemos, a rede de voz de Vodafone impúxose finalmente nas grandes cidades cos tempos de establecemento de chamada máis curtos e tamén coa mellor calidade de voz, recorda a empresa.
Segundo reflicte Vodafone, para poder comparar o rendemento de voz das operadoras españolas, dous equipos de P3 percorreron as grandes e pequenas cidades e as estradas que as unían. Cada coche estaba equipado con oito dispositivos intelixentes Samsung Galaxy S5 que se chamaban entre eles de continuo, xerando así máis de 55.000 mostras de voz por operadora. Co fin de asegurar “unhas condicións de proba realistas”, xerábase tráfico de datos en segundo plano nos terminais durante unha chamada de voz. Para a análise de datos, obtivéronse preto de 50.000 mostras válidas por operadora. Arredor do 60% das mostras obtivéronse en grandes cidades mentres que o restante 40% recolléronse en urbes pequenas e en estradas de conexión. Aproximadamente a metade das chamadas de proba realizáronse entre dous terminais co modo 4G preferido, mentres que a outra metade realizábase entre un con 4G preferido e outro con 3G preferido. Segundo fai saber Vodafone, o estándar LTE non se deseñou orixinalmente para xestionar chamadas de voz “polo que na maioría dos casos os teléfonos tiveron que cambiar a súa conexión a 3G/UMTS ou mesmo 2G/GSM, cando se recibía ou se iniciaba unha chamada”.
No caso dos datos en grandes cidades, a rede de Vodafone amosou “un liderado claro” no estudo, en particular en acceso a páxinas en vivo e estáticas, así como en descarga de arquivos en visualización de vídeos de YouTube en alta definición. Durante as probas de condución, os dous equipos de P3 visitaron un total de 13 cidades españolas con máis de 100.000 habitantes, incluída A Coruña. Nelas, sinálase no informe, as catro operadoras acadaron un nivel de madurez alto de cobertura LTE cun obxectivo claro: altas taxas de transferencia de datos e, en comparación, tempos de espera curtos.
Polo que atinxe ás cidades pequenas e rurais, onde segundo lembra Vodafone “a cobertura das redes de banda larga é menos densa”, a proba de condución (que cubriu ao redor dun 17% da poboación estatal) salienta o papel de Vodafone (novamente líder) en cuestión de rendemento nas seguintes localidades: Antequera, Loja, Écija, Carmona, Mérida, Almendralejo, Plasencia, Zamora, Collado Villalba, Tarancón, Utiel, Chiva, Alcudia, Fraga, Igualada,Tudela, Calahorra, Miranda de Ebro, Santoña, Torrelavega, Avilés e Betanzos. En cuestión de carga de arquivos grandes, Vodafone lembra que a súa rede acadou unha porcentaxe de éxito de 97,7%, “o que é un liderado claro sobre o 94% a 95% dos resultados dos seus inmediatos competidores”.

Vídeo no que dan conta dos resultados do estudo de P3

PUBLICIDADE