Un neocelandés deixa o seu traballo para capturar Pokémon

luns, 18 de xullo do 2016 Marcus Fernández

Agora que o xogo Pokémon GO está presente en bastantes países (chegou oficialmente o pasado venres a España), deixando claro que vai converterse no fenómeno viral do verán, a poucos sorprenderá xa que poida aparecer nos medios, xa que en pouco máis dunha semana son centos as anécdotas que se contan ao redor desta aplicación móbil, pero unha iniciativa que pode parecernos bastante orixinal é a de Tom Currie, un barista neocelandés que decidiu deixar o seu traballo para dedicarse a ser adestrador Pokémon a tempo completo durante 2 meses, que pretende destinar a percorrer Nova Zelandia para facerse con todos os Pokémon.
Este habitante de Auckland de 24 anos xa realizou 20 viaxes en autobús por Nova Zelandia e, en menos dunha semana, conseguiu visitar 6 illas do sur, capturando Pokémon en cada parada e conseguindo xa a 90 das 151 criaturas que completan o xogo.
Currie asegura que quere “ter unha aventura”, e tras 6 anos de traballo estaba “desesperado por un descanso” e Pokémon deulle “a oportunidade de vivir un soño”. Aínda que camiñar unha chea de quilómetros ao día resulta fatigoso, a experiencia parece que está a compensarlle por abrirlle novas oportunidades e facilitarlle descubrir moitos sitios. De feito, a súa viaxe está a captar bastante atención, de xeito que varias compañías de transporte están a ofrecerse para achegalo ás partes máis remotas do seu país. Combinar o turismo cunha afección que Currie tiña de cativo parece ser toda unha ousadía que posiblemente vexamos replicada en todo o mundo nas vindeiras semanas.

En plataformas sociais como Instagram podemos seguir a actividade de Tom Currie

PUBLICIDADE