Vodafone adxudicataria para a dixitalización da rede pública de Aulas CeMIT da Xunta

martes, 12 de marzo do 2024 S. P.

O equipamento tecnolóxico avanzado para a dixitalización da rede pública de Aulas CeMIT da Xunta de Galicia vén de ser adxudicada á operadora Vodafone. Deste xeito as Aulas CeMIT son espazos a disposición da cidadanía para a participación en actividades formativas ou para acceso libre xestionados pola Xunta e os concellos. Neste contrato de subministración, instalación e soporte do equipamento TIC, a Administración autonómica investirá ao redor de 1,7 millóns de euros.
Nunha primeira fase, Vodafone está a participar no proxecto para dixitalizar 83 aulas CeMIT a través dunha solución tecnolóxica que consistiu en equipar as aulas con 1360 equipos All-In-One (aqueles que integran todo o hardware do PC dentro do monitor), 880 tabletas, 336 complementos audiovisuais e 140 elementos inclusivos para persoas con diversidade funcional, así como con sistemas de vídeo-conferencia e libros electrónicos.
Deste xeito, Vodafone dotou a estes espazos coa última tecnoloxía para optimizar o servizo que as aulas achegan aos cidadáns, proporcionando unha experiencia máis eficiente e mellorada ás súas máis de 100.000 persoas usuarias.
José Suarez, director territorial de Vodafone en Galicia, afirmou: “Somos conscientes da importancia que ten promover o uso das novas tecnoloxías no ámbito da educación, polo seu potencial para reducir a fenda dixital e integrar aos colectivos máis vulnerábeis. Este proxecto reforza o noso compromiso con Galicia e convértenos no mellor aliado da rexión para impulsar a súa transformación dixital”.

PUBLICIDADE