Windows 10 pon de actualidade unha vella extensión de Chrome
xoves, 30 de xullo do 2015
Unha
extensión para o navegador Google Chrome desenvolvida polo alemán residente en
Suecia Claus Conrad en 2012 e sen
actualizar dende aquela púxose nas últimas horas de máxima actualidade, xa que Bing2Google
redirixe as consultas no buscador Bing a Google se temos o Chrome como navegador
predeterminado. E logo, que interese ten tal funcionalidade? Pois resulta que
dende onte resulta moi práctica, xa que Windows 10 integra un asistente virtual
chamado Cortana, que atende a consultas de texto e voz, e cando non pode
atender a algo directamente lanza unha busca na web, empregando para iso ao
buscador de Microsoft, que non resulta do agrado da meirande parte dos
usuarios, polo que coa mencionada extensión é posible transformar as buscas de
Bing en buscas de Google.
Para poder tirar proveito desta funcionalidade temos que ter instalado Google
Chrome, marcalo como explorador web predeterminado (dende Configuración ->
Sistema -> Aplicacións predeterminadas -> Explorador web) e logo instalar
a extensión Bing2Google. A partires de aí se realizamos unha busca en Cortana
dende o seu campo de busca ou botón correspondente (ou simplemente dicindo en
voz alta “Ola, Cortana”) podemos realizar unha consulta na web dun xeito
bastante cómodo, sempre que queiramos optar por continuar a empregar o
navegador de Google (pois é de esperar que sexan moitos os que nestas datas
prefiran darlle unha oportunidade ao Microsoft Edge, que está a demostrar un bo
desempeño).