Windows 10 recibe unha importante actualización

xoves, 12 de novembro do 2015 Marcus Fernández

Hoxe é o día das grandes actualizacións por parte de Microsoft, e tras renovar o software da Xbox One decidiu tamén lanzar unha importante actualización de Windows 10, que vén a ser como unha nova versión do sistema operativo de Microsoft, na que se realizan profundos cambios que supoñen grandes melloras de desempeño (aínda que resulten pouco visibles). Por exemplo, grazas a esta nova actualización Windows 10 é capaz de iniciarse preto dun 30% máis rápido que no mesmo equipo con Windows 7, Cortana estrea novas funcións e territorios nos que está dispoñible, e o navegador Microsoft Edge tamén goza dun maior rendemento e seguridade mellorada (contando tamén coa opción de amosar unha vista previa das lapelas que teñamos abertas ao pasar o cursor sobre elas).
A nivel de empresa Windows 10 tamén recibe importantes cambios, como a estrea de dous novos servizos: Windows Update for Business (que permite xestionar as actualizacións de Windows 10 no seo das empresas) e Windows Store for Business (que achega un xeito flexible para xestionar as aplicacións en dispositivos con Windows 10). Pensando na cada vez máis habitual práctica do BYOD (trae o teu propio dispositivo) tamén introducen funcións de xestión de flotas móbiles (MDM) e de Directorio Activo (aproveitando a nube de Azure para que as configuracións e os datos dos usuarios poidan trasladarse de xeito seguro entre os seus dispositivos).

PUBLICIDADE