Wualapp, o marketplace galego que impulsa e optimiza a compra-venda de apps

martes, 15 de setembro do 2015 Fernando Sarasketa

A comunidade internauta xa ten á súa disposición un innovador e interesante recurso en liña destinado a dinamizar o mercado das aplicacións en tódolos elos da cadea: dende a xeración dunha idea até a descarga do usuario. O servizo Wualapp, que achega vantaxes a todos os implicados (os que crean, os que desenvolven, os que invisten, os que mercan, os que usan), é un marketplace no que calquera programador, desenvolvedor, investidor, empresa ou particular pode vender ou mercar os dereitos e a propiedade intelectual de aplicacións para dispositivos móbiles, “dando solución a todos os interrogantes legais”, sinalan os seus creadores. O marketplace, o primeiro das súas características no ámbito da fala hispana, vén da man dunha startup galega do mesmo nome, Wualapp, con sede en Compostela.
Para o seu cometido, como dixemos, o servizo dispón dunha óptima cobertura legal que abrangue na súa integridade as actividades levadas a cabo no seu seo. De feito, informan os responsábeis do marketplace, este asesórase en todo intre por “unha das mellores firmas en dereito informático do panorama TIC actual, como é A&J Garrigues, que nos garante a máxima protección legal para os nosos clientes”.
Wualapp, engaden, salienta por ofrecer un emprazamento innovador para o traballo e a comunicación dos desenvolvedores de aplicacións, co fin de que poidan vender os dereitos das súas creacións do mellor xeito posíbel. Asemade, achégase un espazo común para que os compradores adquiran os códigos fonte daqueles. A través desta ferramenta, explican os impulsores da startup, os novos propietarios faranse “coa posesión completa da aplicación, incluíndo os seus usuarios, ingresos xerados, dereitos de autor, propiedade intelectual, número de descargas, beneficios que estea a xerar, comentarios e valoracións dos clientes”.
A plataforma tamén destaca por fornecer unha ferramenta de interface que proporciona comunicación constante con Apple e Google, “coa que podemos garantir aos compradores datos públicos reais do número de descargas, valoracións e opinións dos usuarios e dos ingresos xerados polas aplicacións expostas á venda na nosa plataforma”. De xeito paralelo, asegúrase o traspaso transparente da ferramenta móbil, un proceso “seguro e sinxelo”, explican, que leva parello labores integrais de xestión e asesoramento dende o intre da venda até o seu remate.
“O noso propósito”, engaden, “é conseguir que outros desenvolvedores e empresarios poidan facerse cos dereitos de adquisición de comunidades completas de usuarios de aplicacións xa creadas, permitindo non comezar desde cero e lograr que moitas apps por falta de financiamento e tempo teñan unha nova oportunidade no mercado”.

PUBLICIDADE