
O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) (así como a Asociación de Periodistas de Santiago de Compostela) xa reaccionou a esta información manifestando o seu lamento pola decisión de Udramedios, propiedade do Grupo San José, de pechar Xornal.com a pouco máis dun mes do cese da súa cabeceira impresa. O Colexio asegura que a editora anunciou esta tarde ao comité de persoal a presentación dun ERE de extinción e o comezo das negociacións para os despedimentos e amosa a súa solidariedade cos traballadores á vez que critica que a editora bote atrás o seu anuncio de manter o diario dixital.

Aínda que a edición en papel de Xornal de Galicia non chegou aos 3 anos de vida, a súa contrapartida electrónica xa era un clásico da Internet galega, presente dende 1999, polo que era todo un referente no sector ao que agora di adeus como xa fixeron outros medios como Vieiros e GZnación (mentres que Galicia Hoxe e A Nosa Terra morreron en papel pero sobreviven en dixital).
Aínda que era de agardar que tras o peche da edición en papel houbese unha reestruturación da compañía, non se esperaba a disolución da súa cabeceira dixital, posto que antes do desembarco nos quioscos Xornal.com conseguira manterse cuns recursos bastante reducidos, o que fixo que este anuncio foxe toda unha sorpresa.
Xornal.com pechará antes de rematar o ano
Compartir Este Artigo

