A creación de redes de conectividade sen fíos en grandes cidades está en auxe, con experiencias en San Francisco, Filadelfia, Taipei e mesmo Zaragoza, e agora inician o programa Wireless@SG que achegará o acceso á Rede a través de Wi-Fi a todo Singapur, permitindo a navegación a unha velocidade de 512 Kbps en lugares públicos e sen coste algún, que se converterá nunha realidade en xaneiro de 2007, nunha experiencia que durará cando menos 2 anos, para potenciar a entrada dos cidadáns na era dixital.
A nova iniciativa non é pioneira en dar Wi-Fi, pero parece innovadora no xeito de facelo, porque as conexións se achegan dende varias operadoras (SingTel, iCell e QMax), o que mellora a cobertura, xa que actualmente xa hai redes Wi-Fi para uso dos clientes dos distintos operadores de telecomunicacións, que se incorporarán a Wireless@SG.
O servizo é de balde para un acceso básico, pero de desexarse máis velocidade tamén se poderá contratar.
Na actualidade, Singapur xa conta con 900 hotspots, e agardan chegar ós 5.000 en setembro de 2007, para o que as operadoras contarán con 19 millóns de dólares por parte do seu goberno para impulsar esta iniciativa que agarda quintuplicar o número de usuarios deste sistema de conexión.
Singapur terá conectividade Wi-Fi de balde
Compartir Este Artigo
